O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este luns a importancia de cumprir cos obxectivos de déficit, e asegurou que o Goberno non dubidará en intervir algunha comunidade autónoma se houbese motivos para iso. De paso, o presidente galego lanzou algunha que outra patada: "Hai comunidades autónomas que queren ser nación, e que se fosen nación estarían intervidas".
Durante a súa intervención nos Almorzos Informativos de Europa Press, Feijóo abordou así a situación económica dalgunhas autonomías, aínda que non quixo citar expresamente a ningunha, apelando á súa condición "de galego" para non facelo.
Feijóo volveu, unha vez máis, a poñer Galicia como exemplo para lograr a recuperación económica e defendeu a viabilidade do Estado das Autonomías. " Desacreditar o sistema autonómico é equivocado e cruel", advertiu, antes de culpar ao Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero do "mal" financiamento das comunidades.