O presidente de Novagalicia Banco, José María Castellano, defende a súa crenza de que "é maioritaria" a xente que tomou participacións preferentes "sendo conscientes do que estaban comprando", aínda que destacou que hai "un colectivo importante" que non foi coñecedor da súa adquisición e "non era un inversor adecuado para este tipo de instrumentos".
É por iso que a entidade galega contratou á consultora Price Watherhouse Cooper para analizar todos os casos e diferenciar uns tipos doutros. "Hai de todo, hai quen comprou preferentes con absoluto coñecemento do que facía e hai outra xente que as comprou sen saber no que se estaba metendo", dixo Castellano nunha entrevista á Radio Galega.
A entidade está disposta a repoñer o diñeiro dos 'estafados' na comercialización, pero só a eses, e non aos que eran conscientes do produto que lles estaban colocando.
Os traballadores "confiaban" nas preferentes
Castellano insistiu, do mesmo xeito que en días pasados, en que a actual dirección da entidade non é responsable da comercialización destes produtos, que foi feita maioritariamente cando aínda existían as dúas caixas galegas.
A comercialización que se fixo tanto por parte da antiga Caixanova como da antiga Caixa Galicia non foi correcta, pero naqueles momentos todo o mundo cría que o que se estaba vendendo era un instrumento que non tiña ningún problema", dixo o directivo. Como argumento da súa tese, asegura que a "proba do algodón" é que a maioría dos directores de oficina e as súas familias subscribíronas. "Os que as estaban vendendo confiaban no produto", dixo.
"Tamén houbo inversores que ían ao banco a pedir as preferentes. En ocasións había ringleiras de xente para pedir as preferentes porque se pagaban nalgúns casos ata un 7% de interese", explicou.
Arbitraxe para recuperar o 100%
Castellano, que admite que se produciron casos graves, incidiu en que os actuais responsables da entidade están buscando a solución para todos aqueles que "non eran o inversor adecuado" e os casos nos que a comercialización se fixo "mal". Para eles propón a vía da arbitraxe, que debe ser aprobada polas autoridades españolas e europeas. "Creo que a temos e creo que moi pronto se vai a poder poñer en práctica", afirmou e sinalou que ás persoas ás que un árbitro dea a razón "váiselles poder devolver o 100% do investido".
Puntualizou que non será exactamente o investimento completo, senón que se restará a diferenza entre o interese cobrado por un produto complexo como as preferentes e o que deberían percibir con outro de baixo risco, como podería ser un depósito.
Analizar caso por caso
Non será o propio banco o que decida que inversores compraron sendo conscientes e cales non. Segundo revelou, NCG Banco contratou a Price Waterhouse Cooper para que analice "expediente por expediente" os 43.000 casos que ten a entidade "para determinar quen non é inversor adecuado e quen si o é". Deste xeito, pretende evitar que o banco "inclúa erróneamente a algún que non debería ser incluído".
Para o resto de casos, remitiuse ao documento aprobado por España e a Unión Europea para o rescate bancario. Recolle que a solución para as preferentes "axustarase a criterios de valoración da entidade", dado que é un produto mixto entre accións e obrigacións. "Aí vaise a cobrar, pero non o 100%", sinalou.
Semana do perdón
O "terceiro camiño", agregou, é "a vía xudicial", que prevalece sobre o documento europeo, pero será, ao seu xuízo máis longa, debido aos tempos da Xustiza.
Todas estas declaracións enmárcanse dentro da sorte de 'semana do perdón' que este xoves iniciou NGB. Tanto o presidente e o conselleiro delegado da entidade deron unha roda de prensa para
pedir perdón polos erros cometidos pola entidade no pasado , especialmente polas preferentes.