Como o termo 'copago' ten mala prensa os políticos adoitan utilizar, para referirse a el, vocábulos que tratan de desviar a atención nun sentido ou noutro. É unha palabra tabú polo que tratan de buscar eufemismos que suavicen ou no seu caso agraven (segundo o interese político de cada un) o efecto negativo do vocábulo. En política parece coma se o danoso fosen os termos en si e non o efecto inmediato da aplicación de medidas dolorosas e, polo tanto, rexeitadas por moitos cidadáns.
Seguindo esta táctica tan xeralizada entre os políticos, que chegou a abolir na linguaxe de Zapatereo o termo "crise" e no de Rajoy o termo "rescate" substituíndoos polos máis rebuscados eufemismos, o copago non se viu exento da mesma sorte, sendo substituído nuns casos por eufemismos tales como "tique moderador", "achega necesaria", etc. polos que o tiñan que aplicar pero non querían dicilo, e noutros como "repago" polos que querían prexudicar ao goberno que o aplicaba.
O copago e o repago son dous termos distintos e, neste caso non se trata de repago, pois o que se pagou previamente son impostos non finalistas e que poden servir tanto para pagar medicamentos como calquera outra cousa, polo que non se trata de repagar nada senón de contribuír ao pago dunha parte da atención sanitaria e o termo "copago", do que tanto se foxe, é o adecuado para definir esta situación.
Doutra banda, cando se oe falar deste tema, dá a sensación de que o copago é unha medida novidosa que se acaba de introducir no noso sistema sanitario cando a realidade é que existiu desde que iniciou a súa andadura. E non é só a poboación activa a que veu copagando o 40 % dos medicamentos que consumía, senón que unha parte importante dos pensionistas xa pagaban o 30 % dos seus medicamentos sen que se abrisen os ceos e se derrubasen sobre o país. Estoume referindo aos encadrados no réxime de MUFACE, MUJEJU e demais funcionarios das administracións locais e autonómicas acollidos a este réxime. Durante todos estes anos ninguén saíu en defensa destes xubilados que, en canto a retribucións, non se diferencian en nada dos do réxime xeral pero, que con todo, tiñan que pagar o 30 % dos medicamentos que consumiron e, ademais, nunca se queixaron.
Moitos pensan que o copago é un invento español ou, máis ben, un invento dos gobernos debido á súa voracidade recadatoria, pero o copago emprégase con éxito na maioría dos países de Europa, sobre todo nos que gozan dun servizo sanitario máis amplo e con mellores prestacións. As formas de copago son distintas nos diferentes países, pero sempre coa vista posta na sostenibilidade do sistema que permita dar cobertura adecuada a toda a poboación.
Porque, de que se trata? de ter un sistema de saúde no que non teñamos que contribuír con pequenas achegas pero que se vaia deteriorando por falta de medios ata que só os que dispoñan de moitos recursos poidan recibir unha asistencia de calidade mentres que os de rendas máis baixas teñan que recibir unha asistencia parecida ao da antiga beneficencia, ou de preservar e consolidar o sistema que temos no momento actual, con iguais prestacións para todos, sempre da maior calidade e que vaia incorporando os últimos avances científicos e tecnolóxicos? Non creo que ninguén dubide que esta segunda opción sexa a única razoable.
O que ten que garantir o país, a través do seu sistema de saúde, é que tódolos cidadáns teñan todas as atencións sanitarias que o seu estado de saúde requira, con independencia de calquera circunstancia económica ou doutra índole sen que isto gravite dunha forma importante sobre a súa economía. Estas atencións deben prestarse a todos, sen excepción, en igualdade de condicións empregando tódolos recursos necesarios que cada situación precise, independentemente do seu custo e das circunstancias do individuo e todo iso coa rapidez adecuada. Isto quere dicir que, en ningún caso, o custo da atención sanitaria debe supoñer unha carga económica significativa para as familias ou os individuos, é dicir, que o peso do copago non pode significar que haxa que deixar de comprarlle ao neno os zapatos ou o material escolar nin que a familia teña que deixar de comer ou de vestir axeitadamente ou de desenvolver tódalas actividades normais (lecer incluído), pero se cadra ten que deixar de tomar dous whiskys ao mes ou calquera outra cousa que non supoña ningún quebrantamento para a economía doméstica.
Moitos defendemos o copago nesas condicións, é dicir, salvagardando íntegramente as atencións de saúde de tódolos cidadáns e preservando a economía familiar e persoal. Curiosamente os que máis rebatían esta postura (iso si, sen argumentos válidos) e ata anatematizaban como réprobos aos que a mantiñamos, son os que hoxe defenden con máis empeño e máis pulo o copago sanitario aínda que tratan de camuflalo cunha terminoloxía que non responde á realidade.
Por aquel entón, e disto hai xa bastantes anos, eu advertía que o copago non só era necesario e ata imprescindíbel para a sostenibilidade do sistema, senón que era INEVITÁBEL e que canto máis se tardase en aplicar sería máis duro e sobre todo moito menos eficaz. Os feitos acabaron dando a razón ao que era evidente. Ao final o problema de España (ou de calquera outro país) non só é facer as cousas mal senón, sobre todo, tarde, non querendo recoñecer (por intereses políticos) as evidencias para afrontalas e poñerlles remedio, o máis axiña posible. É o que os médicos tras séculos de experiencia chaman diagnóstico precoz ao que debe seguir un tratamento cedo como a mellor fórmula para curar as enfermidades cando non se puideron ou non se souberon evitar, que é sempre o desexable. Hoxe fálase de "medicina baseada na evidencia" como algo imprescindible para a correcta toma de decisións sobre o coidado sanitario dos pacientes, sería bo que as decisións políticas que nos afectan a todos, estivesen tamén baseadas nas mellores evidencias dispoñibles.
O copago ten dous obxectivos primordiais: o recadatorio, que é o menos importante, e o disuasorio, que é o fundamental. Todos sabemos, porque se repetiu ata a saciedade e tamén por experiencia propia, que cada cidadán español ten na súa casa un botiquín ben repleto de medicamentos a maioría dos cales acaba no cubo do lixo. E tirar medicamentos, que paga previamente a sociedade, é dicir que pagamos todos, é como tirar directamente billetes de banco pero co agravante de que ademais de tirar o diñeiro contaminamos o medio ambiente, posto que os medicamentos están compostos por moléculas moi activas e moitas veces perigosas, que se non son eliminadas de forma adecuada, danan seriamente o medio no que se depositan.
Pero os cidadáns non acumulamos e tiramos medicamentos por facer dano ao medio ambiente ou por prexudicar a economía nacional, se o facemos é porque non temos conciencia real da valía que teñen as cousas que non nos custan nada. É por iso moi san ter que meter de cando en vez a man no peto para darnos conta de que a sanidade é moi cara e que estamos a pagala entre todos, así como para tomar conciencia de que se queremos salvagardar o magnífico sistema de saúde que temos en España e conservar o seu carácter universal, temos que facer un esforzo, pequeno, pero sobre todo adaptado ás nosas posibilidades, para evitar o abuso consciente ou inconsciente e a sobreutilización do mesmo.
Realmente en España temos un magnífico sistema sanitario (probablemente é o mellor que temos no país) do que todos somos beneficiarios e do que debemos sentirnos orgullosos, por iso non debemos dubidar en aportar o necesario para conservar o seu carácter de excelencia e a súa universalidad e para ir corrixindo os seus defectos e ineficiencias, que tamén as ten.