O comercio de alimentación da Coruña afronta a súa terceira xornada de folga sen avances no convenio
Os sindicatos denuncian o “bloqueo da negociación” por parte da patronal e, tras unha protesta na que participaron máis de 1.000 persoas, segundo os seus datos, avisan de novas mobilizacións se non hai avances.
Protesta do persoal do comercio de alimentación na Coruña – CIG
Nova xornada de folga dos traballadores do comercio de alimentación da provincia da Coruña, tras as rexistradas o sábado, día 15, e o domingo, día 16. Máis dun milleiro de persoas, segundo fontes sindicais, mobilizáronse na cidade herculina en demanda de melloras salariais e laborais.
Os manifestantes percorreron a cidade desde o mercado de San Agustín ata a praza de Lugo. Estas novas xornadas de paro, que afectan a supermercados e centros loxísticos, prodúcense despois de que nas dúas últimas reunións da mesa de negociación polo convenio colectivo non se produciran avances, segundo expuxeron tanto sindicatos como patronal.
Críticas aos empresarios
CIG, CCOO, UGT e USO convocan estas xornadas de folga para esixir melloras. Neste senso, apuntan que o empresariado “nega a aplicar nin a máis mínima cantidade para a antigüidade e ofrece unha redución da xornada raquítica”. Tamén sosteñen que non hai unha proposta que permita garantir “salarios dignos nin unha recuperación real do poder adquisitivo”.
“Co que ofrecen as mesmas empresas, as plantillas da Coruña non chegarían a acadar as condicións existentes agora en Pontevedra ata o ano 2029”, asegurou Juan Zas, secretario de Acción Sindical de CCOO Servizos Galicia.
O dirixente sindical destacou, por outra banda, o “alto” seguimento nas xornadas de folga e subliñou que hai áreas dos supermercados como charcutaría ou carnicería “case sen atender” a pesar de que denunciaron o uso de traballadores eventuais.
“Bloqueo da negociación”
Na mesma liña, Roberto Pérez, da CIG, subliñou o “desabastecemento de tendas desde hai dous meses”. Por outra banda, denunciou o “bloqueo total da negociación por parte da patronal” con avances “practicamente inexistentes”.
Neste contexto, avanzou que continuarán as protestas se non hai avances na negociación. Entre as principais reivindicacións, plantexou “garantir a revalorización dos salarios por riba do IPC”. Ao fío diso, insistiu en que hai persoal “que leva máis de 30 anos cobrando 1.100 euros”. “O que hai enriba da mesa é insuficiente”, recalcou.