Ence destina tres millóns á sétima convocatoria do Plan Social
A dotación desta edición repartirase entre cinco liñas de actuación; a partida máis elevada, con 670.000 euros, estará destinada ao fomento do emprendemento e a innovación, financiando proxectos empresariais orientados ao autoemprego, á creación de postos de traballo e ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas ou industriais.
O delegado da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, e o director territorial de Ence en Galicia, Antonio Casal – Ence
Ence lanzou a sétima convocatoria do seu Plan Social, iniciativa dotada con tres millóns de euros que financiará proxectos de carácter social, ambiental, deportivo, educativo e empresarial nos concellos de Pontevedra, Marín e Poio.
O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o próximo 25 de xullo e a resolución das axudas darase a coñecer a partir do 30 de setembro.
A nova edición do programa foi presentada este xoves na sede da Xunta en Pontevedra nun acto no que participaron o delegado territorial do Goberno galego, Pablo Fernández, e o director territorial de Ence en Galicia, Antonio Casal, quen puxeron en valor a colaboración entre as administracións, o tecido asociativo e a iniciativa privada para favorecer o desenvolvemento do territorio.
Durante a súa intervención, Fernández destacou a importancia de que a actividade económica e empresarial contribúa tamén a obxectivos de carácter social. O representante autonómico subliñou que as axudas apoian iniciativas promovidas por asociacións veciñais, entidades sociais, clubes deportivos e outros colectivos da comarca, ao tempo que reafirmou a disposición da Xunta para seguir colaborando con proxectos impulsados desde distintos ámbitos.
Pola súa parte, Casal defendeu que o Plan Social forma parte da maneira en que a empresa entende a súa relación co contorno. Segundo explicou, o obxectivo é apoiar propostas que xeren un impacto positivo na comunidade, máis alá da actividade industrial e económica da compañía. Neste sentido, sinalou que a convocatoria busca respaldar iniciativas impulsadas por entidades sociais, centros educativos, emprendedores e organizacións locais.
Cinco liñas de actuación
Os tres millóns de euros contemplados nesta edición repartiránse entre cinco liñas de actuación. A partida máis elevada, con 670.000 euros, estará destinada ao fomento do emprendemento e a innovación, financiando proxectos empresariais orientados ao autoemprego, á creación de postos de traballo e ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas ou industriais.
O deporte recibirá 640.000 euros para apoiar tanto a clubes e entidades deportivas como a deportistas individuais, con especial atención a disciplinas minoritarias ou vinculadas ao medio natural.
As áreas de inclusión social, recuperación ambiental e promoción da educación e a cultura contarán cada unha cunha dotación de 500.000 euros. Estas axudas dirixiránse a proxectos destinados a favorecer a igualdade de oportunidades, a inserción laboral de colectivos vulnerables, a protección do medio ambiente e a biodiversidade da ría de Pontevedra, así como a conservación do patrimonio cultural e a participación cidadá.
Ademais, a convocatoria reserva 190.000 euros para a xestión, avaliación técnica e supervisión do proceso de adxudicación das axudas, co obxectivo de garantir a transparencia e o correcto seguimento dos proxectos seleccionados.
Sétima edición
Desde a súa posta en marcha, o Plan Social de Ence financiou máis de 1.700 proxectos nos municipios da súa área de influencia. Só na convocatoria anterior presentáronse 382 propostas, das cales 240 resultaron beneficiarias.
Segundo explicou Antonio Casal, as categorías relacionadas co deporte e o medio ambiente adoitan concentrar o maior número de solicitudes, aínda que a área de emprendemento e innovación experimentou un crecemento notable nos últimos anos.
A selección dos proxectos realizarase atendendo a criterios como a viabilidade económica, o alcance territorial das iniciativas, a duración do seu impacto a longo prazo e a súa contribución aos obxectivos de sustentabilidade ambiental.
As solicitudes deberán tramitarse exclusivamente a través da páxina web habilitada para o programa, onde os interesados poderán consultar as bases reguladoras, acceder a unha guía explicativa e visualizar materiais de apoio para completar a documentación requirida.
A compañía tamén habilitou canais específicos de atención para resolver dúbidas relacionadas coa convocatoria, tanto a través de correo electrónico como mediante asistencia telefónica.
Durante a presentación proxectouse ademais un vídeo con testemuños de representantes de colectivos que recibiron financiación en edicións anteriores, co obxectivo de mostrar o impacto que tiveron estas axudas no tecido social, cultural e económico da comarca.