A Coruña e a súa estratexia de futuro (e II)

Os escenarios de futuro para A Coruña esixen, nos momentos actuais, definir claramente tres niveis. Primeiramente, marcar, definir e sinalar un escenario, o que se chama VISIÓN; en segundo lugar, proceder a adoptar mecanismos de toma e adopción de decisións, valorando o ACORDO para que sexa mais sólida a posición de cara ó devandito escenario presente e futuro; e no terceiro lugar, garantir a máxima PARTICIPACIÓN e RESPONSABILIDADE de cada un dos estamentos sociais, económicos, culturais, deportivos e medio-ambientais. Os devanditos escenarios están subliñados pola nosa historia: SOMOS ATLÁNTICOS E MARÍTIMOS.

Xa que logo, aínda que sexamos periféricos nunha Europa continental; somos e estamos no centro dunha globalidade universal. Tiñan razón os ilustrados, por exemplo, cando defenderon o Consulado do Mar, aquí na Coruña, sede de formación e de descubrimentos técnicos. Tiñan razón, a grande estirpe de consignatarios asentados no noso peirao. Tiñan razón as grandes familias de armadores, mariñeiros e industriais do mar.

Tiñan razón as empresas aquí localizadas para utilizar a ventaxa comparativa de comerciar por vía marítima coas outras partes do Océano Atlántico. Tiñan razón os mercaderes do liño, da lá, do tabaco, da madeira, etc. por estar presentes nos momentos históricos da cidade.

Agora, semella que algúns e algunhas non se decatan desa importancia. Abandonan o sentido da historia (xa os xulgarán) e, xa que logo, perdemos posibilidades de medrar por mor dunha miopía do presente e por amosar unha obstinación por converternos en servidores clientelares.

Por iso, sigo defendendo a MARITIMIDADE DA CIDADE, DO PAIS E DO ESTADO. E esta aposta débese converter nun emblema que nunca se perda. Temos a garantía de ser referente histórico para o futuro, a través do noso Faro Torre de Hércules.

Fáltanos, incardinar accións vinculadas ao mar, aproveitando o enorme potencial que hoxe nos brinda a nosa Universidade. Posuímos no noso entorno mais próximo todas cantas especialidades son necesarias para afrontar o desafío. Por este motivo é necesario que o Concello defina a súa ESTRATEXIA CARA Ó MAR.

Hai, asemade, outras asignaturas e apostas pendentes. Se tivera que darlle ó maxin e avaliar outras oportunidades de futuro, tamén proporía estímulos para dúas actividades básicas. A primeira estaría vinculada á SAÚDE.

Estamos na primeira liña a nivel internacional. Non perdamos, pois, o ritmo e a intensidade que lle impregnaron os nosos especialistas na Cidade Sanitaria. Debemos multiplicar as sinerxías complementarias e resituarnos nun referente mundial non só no que atinxe ao réxime sanitario, senón en todas as súas aplicacións industriais. Por iso, calquera incentivo nos equipamentos médicos, electromédicos, cirúrxico, industria farmacéutica, clínicas, etc. que se demanden, deberían ser tomados en consideración.

E o segundo eixo da nosa aposta está relacionado coa BIOTECNOLOXÍA ALIMENTARIA E OS MECANISMOS NA DEFENSA DA BIODIVERSIDADE. Incluímos neste eido non só a industria transformadora e de análise de alimentos, senón as empresas e centros relacionados coa bio-ciencia, as bio-empresas e as vinculadas ao medio ambiente.

Hoxe, en termos de prospectiva, xa non se fala de actividades illadas; senon daquelas que interactúan, que están relacionadas entre elas mesmas; que buscan satisfacer unha necesidade nutricional e alimentaria cun desenvolvemento industrial; cun anovamento científico; e cunha defensa da biodiversidade.

Falamos de garantir unhas necesidades do presente, pero sen hipotecar as necesidades das xeracións que veñen. Procuramos que a nosa pegada sexa a menor posible. E traballar para poder contribuír á recuperación dos ecosistemas en perigo. Aquí, na cidade, temos expertos, especialistas, centros, empresas dabondo. Necesitamos poñelos en contacto e definir unha estratexia viable e factible.

So me queda facer unha mención ós valores intanxibles. É dicir, aqueles non mensurables; pero que levan implícito un valor agregado. Neste caso concreto, refírome á IMAXE DE MARCA da cidade. Hai que darlle moita importancia. Tena. E cada día mais.

As cidades compiten entre si; rivalizan de igual xeito que as empresas; e incluso que as persoas. As cidades necesitan, pois, unha identificación universal. Por iso, non valen as apostas localistas; que só subliñan obxectivos a moi curto prazo.

Necesitamos apostas a medio e longo prazo: aquelas que teñen visado de futuro. Por iso, recomendo un esforzo para definir un PLAN DE TRABALLO que permita capitalizar una ESTRATEXIA compacta, viable, consensuada e aceptada; que, garantindo unha identidade propia, poida levarnos a reconducir e a construír actuacións tendentes a protexer, fomentar e estimular accións viables e de futuro.

Para rematar, confío que neste tempo que toca vivir, nos permitamos seguir comprometidos cun proxecto de cidade capaz de manter a fortaleza emocional para non perder a súa centralidade de carácter e sentar as bases dun novo modelo de expansión con progreso social, en termos de emprego e igualdade. E, sobre todo, para evitar que o conformismo oculte as argumentacións.

 

*Extracto do discurso pronunciado por Fernando González Laxe no acto do seu nomeamento como Caballero de Honor da Orden de Caballeros de María Pita

 

Ahora en portada