O equipo de protonterapia de Amancio Ortega chega a Galicia catro anos despois da doazón.
Os últimos compoñentes do acelerador de protóns da multinacional IBA desembarcaron este mércores en Vigo para a súa instalación no Centro de Protonterapia de Galicia, situado en Santiago.
Chegada a Vigo dos últimos compoñentes do Centro de Protonterapia, o 26 de novembro de 2025. – XUNTA DE GALICIA
Galicia prepárase para instalar o primeiro acelerador de protóns da sanidade pública española para o tratamento do cancro. O equipamento procede dunha doazón da Fundación Amancio Ortega, que asinou en 2021 un protocolo de colaboración co Ministerio de Sanidade para aportar 280 millóns que, na práctica, están servindo para o primeiro despregue desta tecnoloxía na rede pública. Aquel acordo implicou que o Executivo, por vía dos Orzamentos Xerais do Estado, adiantaba o diñeiro para adquirir os equipos á gañadora do concurso, a multinacional belga IBA, e a fundación do máximo accionista de Inditex costeaba posteriormente as facturas.
Catro anos despois, o primeiro deses equipos está a piques de instalarse en Galicia, nun novo complexo construído por Copasa en Santiago, o Centro de Protonterapia de Galicia. Os últimos compoñentes do acelerador de protóns chegaron este mércores ao porto de Vigo por vía marítima e serán trasladados nos próximos días á capital galega. Permitirán aplicar un tratamento máis “preciso” contra o cancro e menos lesivo co tecido saudable a partir de 2026.
250 pacientes ao ano
Este envío completa o compoñente recibido o sábado, que é necesario para o equilibrio do brazo ou gantry xiratorio do equipamento de protonterapia e esencial na calibración da máquina, segundo informa o Goberno galego. Ademais, este elemento foi introducido o martes no búnker. Os compoñentes do acelerador de protóns, Proteus ONE, foron fabricados na cidade belga de Lovaina.
A Xunta lembra que a posta en marcha do acelerador é un “proceso complexo”, que require de moitas especificidades para cumprir “estritamente” os protocolos e garantías esixidas. A previsión do Goberno galego é poder tratar os primeiros pacientes –tamén de Castela e León, Asturias e norte de Portugal– a finais do próximo ano e dar atención a 250 usuarios anuais.