Inditex e a Xunta financian o 65% da planta de procesado téxtil de Cáritas en Santiago.
Arroupa Moda Re-, a empresa de inserción de Cáritas, inicia a construción desta factoría que leva aparellada unha inversión de 5,4 millóns de euros e que procesará ata 10.000 toneladas de residuos téxtiles ao ano.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou no acto de inicio da construción da nova planta de procesado téxtil de Arroupa en Santiago de Compostela / Europa Press
Comeza a construción da planta de procesado téxtil de Arroupa Moda Re- en Santiago de Compostela. A empresa de inserción de Cáritas Diocesana de Santiago iniciou as obras deste proxecto sen ánimo de lucro que aspira a ter un impacto laboral de 132 postos de traballo (entre empregos directos, indirectos e outros inducidos pola actividade) vinculados á economía social no ámbito local.
No acto deron cita o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; ademais dos conselleiros de Emprego, José González; e Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto; o presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón; a directora xeral de Moda Re-, Noema Paniagua; o director de Sostenibilidade de Inditex, Fernando de Bunes, e a directora de Cáritas Diocesana de Santiago e CEO de Arroupa, Pilar Farjas, entre outros.
Esta planta situada no Polígono do Tambre contará cunha superficie construída total de 4.900 metros cadrados e está deseñada especificamente para albergar todas as fases do proceso, desde a recepción, almacenaxe, selección, clasificación, preparación para a reutilización, reciclaxe, expedición e servizos de formación e xestión.
A ampliación permitirá pasar das case 2.000 toneladas de tratamento de residuo téxtil a unha capacidade media anual de 5.000 toneladas e ata un máximo de 10.000 toneladas.
Así mesmo, a nova infraestrutura permitirá pasar de 37 a 62 postos de traballo directos, incorporando 25 novos itinerarios de inserción sociolaboral. Máis do 80% dos mesmos (arredor de medio centenar) estarán destinados a persoas en situación ou risco de exclusión, con formación técnica e acompañamento social e laboral especializado, ademais de “melloras significativas en condicións ergonómicas e de seguridade”.
De acordo cos seus cálculos, o proxecto alcanzará un impacto total estimado de 132 postos equivalentes a tempo completo no ámbito local sumando o emprego directo, o indirecto asociado á actividade, postos inducidos pola inserción laboral e o emprego temporal xerado durante a construción da nova nave.
Máis de 5 millóns de investimento con axudas clave de Inditex e o Igape
Neste sentido, o proxecto leva aparellada unha investimento de 5,4 millóns de euros, dos que 2 millóns son aportados polo Grupo Inditex e 1,5 millóns provén de axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Xunta. O resto financiarase mediante un crédito concedido por Fiare Banca Ética a Arroupa, de Cáritas Diocesana de Santiago. A empresa construtora prevé concluir a obra a finais de 2026 de modo que a nova infraestrutura poida entrar en funcionamento no segundo trimestre de 2027.
Arroupa Moda Re- consolidouse como un actor clave: presta servizo en 62 concellos galegos, conta con 399 puntos de recollida en vía pública e entidades privadas e xestionou 1.972 toneladas de roupa usada en 2025. De toda a roupa recollida separadamente en Galicia, o 42% corresponde a proxectos Cáritas e Moda re-, e Arroupa representa por si soa o 24% do total.
Ademais, a nova planta permitirá aumentar de maneira significativa o volume de prendas doadas a familias en situación de vulnerabilidade. Actualmente, Cáritas Diocesana de Santiago, distribúe a través de Arroupa unhas 27.000 prendas ao ano, principalmente a través das súas cinco tendas en A Coruña, Carballo, Pontevedra, Santiago e Vilagarcía. Coa ampliación, prevese superar as 40.000 prendas anuais a familias en risco de exclusión.
“Unha Igrexa que non só acompaña, senón que tamén constrúe futuro”
Durante a presentación do proxecto, o arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto, destacou que “este proxecto é a expresión concreta dunha Igrexa que non só acompaña, senón que tamén constrúe futuro”, e deu as grazas a todos os que participan no impulso do proxecto.
Por outra banda, Pilar Farjas transmitiu unha mensaxe compartida con outras autoridades presentes no acto, que a ampliación “responde a unha necesidade real do territorio e reforza a aposta pola economía social”.
“Cada posto de traballo supón un contrato digno, con apoio e acompañamento, dentro dunha entidade que mira polas persoas. Iso é Cáritas e o seu compromiso decidido coa xustiza, a dignidade e a inclusión”, dixo, agradecida co apoio das institucións, ademais de reivindicar que dita axuda “administrativa e económica” é clave para o desenvolvemento de proxectos.
Manuel Bretón, presidente de Cáritas Española, reivindicou que “o proxecto de Arroupa Moda Re- converteuse nun referente nacional de economía circular e de emprego de inserción”, e destacou o papel de Cáritas, que non é “unha ONG máis”. “Somos Igrexa e vivimos pensando en quen máis o necesita”, enfatizou.
Así mesmo, Noema Paniagua puxo o acento na cantidade de residuos téxtiles que se xeran en España –unhas 900.000 toneladas anuais– dos que só unha parte menor se recollen de forma separada e subliñou que investir en plantas de tratamento é “investir en emprego social” e unha resposta ao reto de xestión desta roupa usada. Galicia, concluíu, demostra “visión, compromiso e liderado”.
O director de Sostenibilidade de Inditex, pola súa banda, enfatizou que a xestión de residuos téxtiles é “un dos grandes retos do sector, pero tamén unha oportunidade”, e destacou as distintas iniciativas impulsadas pola compañía para camiñar neste sentido.
O reto da sostibilidade
Por outra banda, Rueda, a quen deu paso Farjas, comezou a súa intervención referíndose a quen fora a súa compañeira no Consello da Xunta, “unha aragonesa reciclada en Galicia” á que “coñece moi ben”. Dela destacou que é unha persoa “de principios” e engadiu que o feito de que sexa a impulsora deste proxecto é “un motivo máis” para participar.
“É importante e urxente que esta planta comece a funcionar”, destacou o presidente galego, quen ademais de eloxiar un proxecto que incide na creación de emprego e na inserción social, resaltou a aposta da Xunta por avanzar no camiño da sostibilidade para xestionar os residuos téxtiles como “obxectivo fundamental”.
Como exemplo, lembrou que a propia Xunta impulsa a construción da futura planta de clasificación de residuos téxtiles en Cerceda. “Arroupa será o noso xestor de confianza”, destacou o presidente galego, antes de engadir que “cando se quere facer as cousas ben hai que buscar socios fiables”.
A previsión é que a primeira planta pública de xestión de residuos téxtiles estea terminada a metade de ano. Esta nova instalación de Sogama permitirá, segundo a Xunta, “un importante salto adiante na xestión destes residuos” e encádrase nos obxectivos que marca a Unión Europea neste sentido.
Por último, o titular do Executivo galego, quen aplaudiu a implicación de Inditex, sinalou que “Galicia Calidade tamén é mostrar todo o que se fai ben”, antes de chamar ao compromiso das entidades, administracións públicas e do conxunto da sociedade na “busca do interese común”.