Mensaxe de apoio de Rueda, Pontón e Besteiro ás vítimas do accidente de Adamuz: «Hoxe todos estamos con Andalucía»
Os líderes do PPdeG, BNG e PSdeG trasladan todo o seu apoio ás familias das vítimas e feridos e poñen en valor a "labor incansable" dos equipos de emerxencias que están atendendo ás persoas afectadas.
Alfonso Rueda, Ana Pontón, José Ramón Gómez Besteiro
PPdeG, BNG e PSdeG únense para enviar unha mensaxe de ánimo e de apoio ás vítimas polo accidente ferroviario en Adamuz (Córdoba) que deixou ata o momento polo menos 39 falecidos e 152 feridos.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mostrouse “consternado” por este “grave accidente” e trasladou “todo o seu apoio” ás familias das vítimas e ás persoas feridas, así como o recoñecemento á “labor incansable” dos equipos de emerxencias que están atendendo ás persoas afectadas. “Galicia permanece ao lado de Andalucía”, recalcou.
Por outra banda, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, mostrou a través do seu perfil da rede social X todo o seu apoio e solidariedade coas familias das vítimas do accidente en Andalucía. “En Galicia sabemos moi ben a dor e o sufrimento dunha traxedia destas características. Hoxe, todos e todas estamos con Andalucía”, sinala Pontón.
Por outra parte, na mesma rede social, o secretario xeral do PSdeG tamén mostrou todo o seu agarimo ás familias e persoas próximas das vítimas. Ademais, desexou a pronta recuperación dos feridos. José Ramón Gómez Besteiro dixo que se trata dun día “moi duro” e agradeceu aos servizos de emerxencias o seu traballo en circunstancias tan difíciles. “Estamos con vós”, finaliza.