O paro repunta un 2,2% en Galicia co fin da campaña de verán
Galicia foi a sétima comunidade na que máis aumentou o paro no mes de agosto; o número actual de desempregados roza os 110.000.
Unha oficina de Servizo Público de Emprego. Jesús Hellín – Europa Press – Arquivo
Galicia pecha o mes de agosto con 2.369 persoas máis en paro. Así o certifican os datos publicados este mércores polo Ministerio de Traballo e Economía Social, que cifran nun 2,2% este incremento.
Trátase dun repunte superior ao 1,92% rexistrado no conxunto do país, con Cataluña (+4,63%); Illas Baleares (+3,31); Murcia (+2,71); Madrid (+2,51%) e Cantabria (+2,42%) á cabeza. Galicia anota o sétimo aumento máis acusado entre autonomías e eleva o seu número total de desempregados ata os 109.691. Do total de parados, 65.410 son mulleres e 44.281, homes.
O incremento do desemprego en Galicia en agosto débese principalmente ao aumento de 1.801 parados no sector servizos, que alcanza os 78.216 desempregados. O sector da agricultura é o único no que baixa o paro, con 56 parados menos, ata un total de 2.889. Tamén sobe o paro na construción (111 parados máis, ata un total de 6.390); así como na industria (68 máis, cun total de 10.083). Igualmente, increméntanse en 445 os sen emprego anterior.
Respecto a agosto de 2025, o paro mantense invariable (0%), coas mesmas persoas desempregadas, o que contrasta coa baixada do 2,91% na media española.
Por outra banda, os contratos caen a 64.195 en Galicia en agosto, o que supón un desplome de 21.158 respecto ao mes anterior (-24,8%). Mentres, aumentan de forma interanual en 5.089 (+8,6).
Do total de contratos, 16.438 son indefinidos, que sofren un acusado recorte do 31,5%, e 47.757 son temporais, neste caso cunha rebaixa do 22,16%. No acumulado do ano, os contratos son 505.038 rubricados en Galicia, dos cales 153.793 son indefinidos (o 30,45% do total) e 351.245, temporais (o 69,55%). En agosto realizaronse 13.488 contratos a estranxeiros en Galicia, un 18,2% menos que o mes anterior, pero un 44% máis que no mesmo mes de 2025.
O paro sobe menos en España
Ao nivel nacional, o paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego de España subiu en 44.419 persoas en agosto en relación co mes anterior (+1,92%) debido, sobre todo, ao sector servizos, que sumou case 29.000 desempregados no mes, segundo datos publicados este mércores polo Ministerio de Traballo e Economía Social.
O paro rexistrado aumentou en todas as comunidades autónomas con Cataluña (14.594), Comunidade de Madrid (6.881) e Comunidade Valenciana (5.847) á cabeza. No conxunto do país, unicamente descendiu na cidade autónoma de Ceuta en 148 persoas.
O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego subiu en 44.419 persoas en agosto en relación co mes anterior (+1,92%) debido, sobre todo, ao sector servizos, que sumou case 29.000 desempregados no mes.
Tras o ascenso de agosto, o número total de desempregados situouse en 2.355.918 persoas, mantendo por debaixo da cota dos 2,4 millóns e asinando o seu nivel máis baixo nun mes de agosto desde 2007, no período previo á crise financeira, destacou o Ministerio.
A pesar diso, a baixada do desemprego rexistrado o mes pasado é o peor dato para un mes de agosto desde 2019, cando o desemprego subiu en 54.371 persoas.
Desde o inicio da serie histórica comparable en 1996, o paro baixou en agosto en seis ocasións e subiu en 25. A maior baixada foi a de agosto de 2021, cando diminuíu en 82.583 parados, mentres que o maior aumento foi o rexistrado en 2008, cando a crise financeira elevou o desemprego en máis de 103.000 persoas nese mes. En agosto do ano pasado, o paro subiu en 21.905 persoas.
En termos desestacionalizados, o paro rexistrado aumentou en 15.137 persoas respecto ao mes anterior. No último ano, o desemprego acumula unha baixada de 70.593 persoas, o que supón un 2,91% menos, cun retroceso do paro feminino de 52.974 mulleres (-3,6%) e unha caída do desemprego masculino de 17.619 homes (-1,8%).