A patronal de Alsa e Monbús pide subas de tarifa e bonificacións no combustible pola guerra en Irán
Confebús solicitou ao Goberno que aplique un plan de continxencia que inclúa "unha revisión extraordinaria das tarifas" e bonificacións fiscais ante a escalada dos prezos da enerxía.
Autobuses de Monbus / Monbus
Ofensiva da Confederación Española de Transporte en Autobús (Confebús) ante o Goberno para paliar os efectos da guerra en Irán. A entidade, que ten como firmas asociadas á galega Monbús e a grupos como Alsa, Arriva ou Avanza, reclamou un plan de contixencia baseado en subir os prezos das tarifas e recibir bonificacións fiscais.
“Confebús solicita ás administracións o establecemento de plans de contixencia para paliar esta situación, como unha revisión extraordinaria das tarifas, en función da enerxía, ou bonificacións na fiscalidade do combustible, nun contexto no que a estabilidade dos custos enerxéticos e o apoio á mobilidade colectiva resultan factores clave para o futuro do transporte”, sinalou nun comunicado.
A patronal de Alsa e Monbús esixe unha resposta despois de que o conflito bélico provocase unha escalada do prezo do petróleo, que xa se nota no custo dos combustibles en España e anticipa unha nova espiral de subidas de prezos no conxunto da economía. “A escalada de conflitos bélicos no Oriente Medio comeza a ter efectos negativos en distintos sectores económicos, entre eles o transporte de viaxeiros por estrada en España, debido principalmente ao seu impacto nos prezos da enerxía, os custos operativos e a estabilidade económica internacional”, argumenta.
A este impacto súmase o posible efecto sobre a actividade turística, un dos motores do transporte discrecional e de longo percorrido en España. Os contextos de incerteza global poden influír na confianza dos viaxeiros e na planificación de desprazamentos internacionais, o que á súa vez podería ter repercusións na demanda de servizos de transporte.