Abanca convence a Moody’s, que eleva o seu rating outros dous chanzos
A axencia de cualificación aumentou o rating de Abanca de Baa2 a A3 e situou a súa perspectiva en estable; é a sexta mellora para a entidade que preside Juan Carlos Escotet no que vai de 2025.

Oficina de Abanca
Novo respaldo de Moody’s a Abanca. A axencia de cualificación aumentou dous chanzos o rating a longo prazo (long-term deposit) da entidade que preside Juan Carlos Escotet, que desta maneira pasa de Baa2 a A3, ao tempo que situou a súa perspectiva en estable.
Tal e como revelou Abanca a través dun comunicado, esta decisión afianza a súa posición na categoría A, o bloque de cualificacións máis elevado das axencias, no que entrou en febreiro deste ano coa mellora do rating de DBRS.
Neste sentido, desde a entidade galega subliñan que Moody’s baseou a súa decisión nos niveis de capital e de rendibilidade presentados pola firma, que se sitúan nun nivel superior ás expectativas. “Ademais tamén influíron positivamente o sólido perfil de financiamento da entidade e a saneada calidade dos seus activos”, puntualiza Abanca.
Esta é a sexta mellora de rating que recibiu Abanca nos últimos 12 meses. As catro axencias que a cualifican elevado o seu rating neste período. “No caso de Moody’s, o rating da entidade tivo un comportamento excepcional, con subidas que supuxeron unha mellora total de tres chanzos”, destaca o banco.
“A mellora nas cualificacións de Abanca recoñece a boa evolución da entidade en todos os ámbitos, especialmente en rendibilidade, solvencia, calidade dos activos e fortaleza do seu balance. As axencias premian tamén a acertada estratexia de crecemento levada a cabo nos últimos anos e a solidez dunha franquía de ámbito ibérico”, recalca a entidade.