Alianza entre a Xunta e Banco Santander para a promoción de vivenda protexida
A conselleira de Vivenda reuniuse este venres con representantes da entidade financeira co obxectivo de explorar vías de cooperación para a financiación da promoción de vivenda protexida en Galicia.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, reúnese co director de Negocio Promotor Santander España, Javier Piñeiro, e o director de Institucións Santander Galicia, Luis Perna / Xunta
A Xunta de Galicia e o Banco Santander trazan unha alianza para a promoción de vivenda protexida. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantivo este venres un encontro de traballo co director de Negocio Promotor Santander España, Javier Piñeiro, e o director de Institucións Santander Galicia, Luis Pernas, para abordar novas vías de cooperación para a financiación da promoción de vivenda protexida en Galicia.
Este encontro enmárcase na estratexia de desenvolvemento de solo residencial que leva a cabo o Goberno autonómico para impulsar 25.000 vivendas na comunidade autónoma, das cales 20.000 serán protexidas. Estas súmanse ás 4.000 vivendas públicas novas que a Xunta ten previsto construír ata o remate desta lexislatura (2028).
Á reunión asistiron, ademais, o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, así como as responsables de Negocio Inmobiliario Promotor Santander España, María Teresa Gutiérrez; de Negocio Promotor Santander Galicia, Carlota Vidal; e a Analista de Riscos, Negocios e Promotor, Jessica Barro.