O BNG leva ao Congreso o ERE de Nestlé e pide frear os despedimentos en Pontecesures
A formación de Ana Pontón rexistra unha iniciativa para reclamar a intervención do Ministerio de Traballo para frear un expediente de regulación de emprego que cualifican de “injustificable e inaceptable”.
O ERE de Nestlé chega ao Congreso. O BNG rexistrou unha iniciativa para reclamar a intervención do Ministerio de Traballo fronte ao Expediente de Regulación de Emprego (ERE) anunciado pola multinacional Nestlé, que prevé o despedimento de 301 persoas en todo o Estado e afecta á fábrica galega de Pontecesures, onde se propoñen 27 despedimentos sobre un cadro de 198 traballadores.
Tal e como explican nun comunicado, buscan co rexistro de iniciativas -tanto no Congreso como no Senado- “defender o emprego industrial actual en Galicia” e reclama explicacións urxentes, así como “actuacións contundentes” por parte do Goberno ante un recorte “injustificable e inaceptable”.
Rego lembra que a fábrica de Pontecesures é a única que produce leite condensado e exporta arredor do 70% da súa produción a mercados internacionais, principalmente Europa, Arabia Saudí e países do Sahel.
Considera “absolutamente inexplicable” que Nestlé pretenda acometer estes despedimentos precisamente no período de maior carga de traballo, entre os meses de marzo e outubro, cando se multiplica a produción para atender os pedidos internacionais.
“Estamos ante unha decisión empresarial orientada exclusivamente a incrementar aínda máis os lucros da multinacional a costa dos postos de traballo”, denunciou.
Por outra banda, o BNG reclama ao Ministerio de Traballo realizar “un seguimento exhaustivo” do proceso de despedimento colectivo e que actúe como autoridade laboral para impedir un ERE que “carece de fundamento e terá consecuencias moi graves para as economías locais e para centos de familias”.