O Supremo tumba o recurso de Lactalis e confirma a sanción de case 12 millóns polo cártel do leite
A segunda sanción ratificada polo Alto Tribunal, tras a de Nestlé, allana o camiño ás reclamacións dos gandeiros contra o cártel, que os despachos de avogados cuantifican en máis de 1.000 millóns.
Envasado de leite na fábrica de Lactalis Puleva
O Tribunal Supremo desestimou o recurso de casación presentado por Lactalis Iberia contra a sentenza previa da Audiencia Nacional que ratificaba a sanción de 11,7 millóns imposta pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia polo cártel do leite. É o segundo recurso que rexeita o Alto Tribunal á industria láctea, despois de que o ano pasado inadmitise o presentado por Nestlé, que encaixou unha multa de 6,8 millóns na resolución sancionadora do superregulador do ano 2019.
Tras esta sentenza, da que informou o despacho de avogados Skariam, quedan pendentes de resolver os casos de Danone, Pascual, Schreiber (antiga Senoble), Capsa e Industrias Lácteas Granada, que é unha empresa tamén do grupo Lactalis que se asocia tradicionalmente á fábrica de Puleva en Granada. O caso de Capsa ten algunha singularidade, pois o Supremo xa inadmitiu o recurso do brazo industrial de Central Lechera Asturiana. Con todo, a Avogacía do Estado recorreu a rebaixa da sanción decretada pola Audiencia Nacional, ao considerar prescritos parte dos períodos nos que se produciron as condutas colusorias.
Prexuízo aos gandeiros
Segundo traslada Skariam, a sentenza do 29 de xuño, desestimatoria do recurso da multinacional francesa, confirma unha infracción única e continuada que engloubou catro tipos de condutas: intercambios continuos de información sobre prezos de compra de leite cru presentes e futuros, volumes de compra, fontes de aprovisionamento e excedentes; acordos de baixadas de prezos; acordos de reparto de gandeiros; e acordos de control de excedentes coincidindo cunha etapa de forte caída de prezos.
“O efecto combinado de todas estas condutas debilitaba sistematicamente o poder negociador dos gandeiros e permitía ás industrias cartelizadas presionar á baixa os prezos de compra de leite cru de vaca, ou conter as súas subas, eliminando a competencia no mercado de aprovisionamento”, expón o despacho legal, que considera que “quedan así firmes e definitivamente inatacables os feitos acreditados na resolución da CNMC respecto de Lactalis, que evidencian o consiguiente prexuízo sistemático para os gandeiros”.
Máis de 1.000 millóns reclamados ao cártel
Skariam, en colaboración co despacho internacional Hausfeld, pilotan as demandas de máis de 7.800 gandeiros situados, principalmente, en Galicia, Castela e León, Cataluña, Asturias e Cantabria. Estiman que o prexuízo a compensar para estes clientes polo teórico menor prezo recibido na venda de leite cru a causa dos efectos do cártel “pode superar os 1.200 millóns”. A desestimación do recurso de Lactalis allana o camiño a estas reclamacións, aínda que a cuestión central seguirá estando na cuantificación do dano. Os tribunais de primeira instancia e audiencias provinciais emitiron sentenzas moi dispares respecto á procedencia e á cantidade das indemnizacións.
Neste sentido, David Fernández, CEO de Skariam destacou que «esta sentenza pon punto final a anos de apelacións e pecha definitivamente calquera vía para que Lactalis reverta os feitos do cártel. A sanción é firme, os feitos son inatacables e non existe recurso algún». “A partir de hoxe, o foco está nos danos aos gandeiros: cada un dos nosos máis de 7.800 gandeiros ten nas súas mans a base xudicial máis sólida posible para recuperar o que perdeu durante máis dunha década de prácticas anticompetitivas”, engade.