Cesa a directora de estratexia industrial e solo empresarial da Xunta

Bruno Fernández González, ata agora subdirector de Planificación e Dinamización do Medio Rural, será o novo director xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.

Margarita Ardao cesa como directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial / Xunta

Margarita Ardao cesa como directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial / Xunta

A Xunta autorizou este martes o cesamento da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, que ocupaba o cargo na Consellería de Economía desde 2024. O seu posto pasará agora a mans de Bruno Fernández González, quen, desde xaneiro de 2023, exercía como subdirector de Planificación e Dinamización do Medio Rural. Enxeñeiro agrónomo e funcionario, conta cunha ampla traxectoria na xestión de fondos europeos, programas de axudas e investimentos públicos, así como na planificación de solo agroforestal e na coordinación de equipos técnicos, segundo explicou o Goberno galego.

O relevo foi anunciado por Diego Calvo, que volveu suplir a Rueda no Consello da Xunta polo viaxe do presidente a Bruxelas, no marco doutros dous cambios nos cargos intermedios do Executivo. Tamén deixan o seu posto Marta Mariño e Marta Barreiro en Traballo Autónomo e Economía Social e na Secretaría Xeral Técnica do Mar, respectivamente. O conselleiro de Presidencia destacou a súa “gran valía” e apuntou que dan o paso para “asumir novos retos”.

Ardao, natural de Narón, é enxeñeira industrial na especialidade enerxética pola Escola Politécnica Superior de Ferrol e a súa traxectoria estivo ligada á Administración Autonómica. Entre 2004 e 2017 desempeñou diversos postos na Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. Desde 2017 desenvolveu o seu traballo na Axencia Galega de Innovación (Gain) ata maio de 2022, cando foi nomeada directora xeral na antiga consellería de Promoción de Emprego e Igualdade.

Na última etapa, o seu papel como directora xeral no departamento de María Jesús Lorenzana levou aparellada tamén a presidencia de Xestur, a xestora de solo industrial da Xunta.

Os relevos

O Consello da Xunta nomeou a María Luisa Boquete como secretaria xeral técnica da Consellería do Mar. Licenciada en Dereito e funcionaria, desempeñaba a función de subdirectora de Coordinación Económica da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria desde xullo de 2024.

Ademais, nomeou a Marta Vázquez Guzmán como nova directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social. Licenciada en Dereito, a súa traxectoria profesional está vinculada coa Xunta desde 1999. É funcionaria de carreira do corpo de Catedráticos de Ensino Secundario da especialidade de Formación e Orientación Laboral. Desde xuño de 2024 ocupaba o cargo de directora territorial da Consellería de Emprego en Ourense.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta

SUSCRÍBETE A ECONOMÍA DIGITAL

Regístrate con tu email y recibe de forma totalmente gratuita las mejores informaciones de ECONOMÍA DIGITAL antes que el resto

También en nuestro canal de Whatsapp