A Xunta lanza un plan para mobilizar 144 millóns de investimento no sector forestal ata 2028
O Plan director da industria forestal-madeira 2026-2028 propón 88 medidas orientadas a impulsar a innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a competitividade das empresas.
A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, e Alfredo Ríos, director da Axencia Galega da Industria Forestal, durante unha visita a Finsa / Xunta
A industria forestal e da madeira xera uns 3.000 millóns de negocio e sostén arredor de 14.000 empregos. A pesar dos problemas arrastrados sobre o aproveitamento do monte e a diversificación de especies, o sector supón un 1,6% do PIB galego e contribúe a manter unhas 1.800 empresas de pequeno tamaño que contribúen á cohesión territorial.
Co proxecto de Altri preto de descarrilar e no comezo dunha nova tempada de alto risco de incendios, o Goberno galego presentou unha folla de ruta para impulsar esta industria, complementaria ao plan forestal de Galicia. Trátase do Plan director da industria forestal-madeira 2026-2028, a primeira estratexia específica para consolidar un sector “clave” para a economía galega e reforzar a súa posición como referente internacional.
Segundo trasladou o Goberno galego nunha nota de prensa, o obxectivo é mobilizar preto de 114 millóns no período e desenvolver 88 medidas orientadas a impulsar a innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a competitividade das empresas.
IA e madeira para construción
Entre as actuacións previstas para executar ata 2028 destacan o impulso á automatización dos procesos produtivos e á incorporación da intelixencia artificial nas empresas, pemes e microempresas, a creación de obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística, o apoio a proxectos de ecoinnovación e segunda transformación da madeira, a promoción de ferramentas colaborativas sectoriais e o reforzo da internacionalización para abrir novas oportunidades de negocio nos mercados exteriores.
Tamén se promoverá a implantación de sistemas de trazabilidade avanzada e fomentaranse encontros entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implantación de ferramentas colaborativas sectoriais nos campos da dixitalización ou a loxística avanzada, susceptibles de optar ás axudas tanto galegas como estatais.
O documento tamén aposta por impulsar o uso da biomasa, facilitar o acceso á financiación, promover a madeira como material estratéxico na construción e avanzar na valorización dos recursos forestais baixo criterios ambientais e sociais.