Bruquetas reivindica a comercializadora de enerxía de RDG: “Non é unha operadora fantasma”
O conselleiro delegado de Recursos de Galicia espera que o Goberno atenda as súas alegacións para seguir “traballando con normalidade” e a conselleira Lorenzana anima as empresas a participar na ampliación de capital da 'utility'.
A conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro delegado de Recursos de Galicia, Emilio Bruquetas, presentan ante representantes dos clústers a ampliación de capital que promove a entidade público-privada. Foto: Xunta de Galicia
O conselleiro delegado de Recursos de Galicia (RDG), Emilio Bruquetas, afirmou que o proceder da súa comercializadora de enerxía “non ten nada que ver” con aquelas consideradas operadores ‘fantasma’, polo que confía en que o Goberno central atenda as súas alegacións e poida seguir traballando “con normalidade”.
E é que o Executivo iniciou o procedemento de extinción da habilitación de comercialización de enerxía de Recursos de Galicia (RDG) Comercializadora Galega de Enerxía, unha sociedade público-privada na que a Xunta é o accionista principal con máis dun 30%.
“É unha cuestión de trámite absoluta”, respondeu a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, a preguntas dos xornalistas este mércores en Santiago, xusto antes dunha reunión para dar a coñecer aos clústers a ampliación de capital de RDG.
Lonxe de ser unha comercializadora fantasma
Lorenzana deu a palabra para responder sobre este asunto ao conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas, quen incidiu en que é unha cuestión “moi técnica”, pois a administración central “está a facer unha serie de medidas loitando contra as comercializadoras fantasmas”, actuacións coas cales está “de acordo” RDG. Pero, subliña: “O noso proceder non ten nada que ver con esas prácticas”.
Por iso a sociedade está “a traballar nunha serie de alegacións técnicas, sólidas, que teñen que ver coa retroactividade e co interese xeral, coa proporcionalidade e o compromiso entre as partes”.
“A comercializadora non estivo nin está inactiva. Desde o principio traballamos para ter todos os recursos e facelo ben”, destacou Bruquetas. Neste sentido, sinalou que lle gustaría “que as cousas puidesen ser máis rápidas”, pero preferiu “facer as cousas ben”.
Descontos na factura
Cuestiónaseo de se durante este período pode haber repercusión na factura, o conselleiro delegado indicou que, no programa que xa está en marcha, hai “471 solicitudes xa de cidadáns do entorno do parque” e está “aberto a máis comercializadoras”. “Pase o que pase eses cidadáns terán garantidos os seus descontos”, subliñou, en alusión ao 80% do custo enerxético.
“Sen dúbida, agardamos que o Goberno atenda as nosas alegacións e poidamos traballar coa comercializadora con total normalidade”, concluíu.
Ampliación de capital
En canto á ampliación de capital, Bruquetas informou de que tres empresas puxéronse en contacto con RDG “para ver como poden formar parte” do accionariado. “E a partir de aí agardamos que moitas máis se poidan sumar”, afirmou.
Por outra banda, a conselleira animou ás empresas galegas a sumarse á ampliación de capital que vai desenvolver RDG, coa previsión de que estea aprobada definitivamente a finais de ano.
Reunión cos clústers
Lorenzana informou aos clústers galegos dos detalles da operación, que “busca seguir fortalecendo desde o punto de vista financeiro á sociedade para que teña máis capacidade de seguir investindo” en activos enerxéticos.
RDG dispón do parque eólico Mondigo e ten unha participación do 10% na mina de Doade (Beariz, Ourense). Está previsto que, tras a ampliación, pase dun capital social de 43,6 millóns a outro “próximo ou que supere” os 100 millóns.
Para iso, a Xunta entrará cunha achega en especie das súas participacións en sociedades enerxéticas: entrará directamente o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) co porcentaje que posúe en seis parques eólicos (entre o 3% e o 4%). E integrará, tamén, o seu 30,92% de Nedgia Galicia.
Feita esta achega por parte do accionista maioritario, que é a Xunta, o que se busca é “que sexa o máis aberta posible esta ampliación de capital a todas as empresas galegas”. “Cremos que os clústers e as confederacións de empresarios son os que teñen a maior capacidade para chegar a elas e poder así dar a coñecer como se vai producir esa ampliación de capital”, apuntou a titular de Economía e Industria.
Segundo o calendario que aporta RDG, durante as próximas semanas presentarase a operación ao tecido empresarial galego, en outubro-novembro “está previsto recibir un informe independente” que valore a achega en especie da Xunta e “trabállase coa intención” de que a aprobación definitiva se realice na xunta xeral de RDG en decembro.
Críticas do PSdeG
Por outra banda, o PSdeG considera que o procedemento aberto polo Estado “vén de acender as alarmas sobre o destino de cantidades ingentes de fondos da comunidade e a falta de transparencia coa que se está a desenvolver a sociedade público-privada”.
A portavoz de industria e enerxía do grupo socialista no Parlamento, Patricia Iglesias, denuncia a “absoluta falta de transparencia” da empresa desde a súa creación en 2023 e avisa de que a ampliación de capital “é unha confesión do fracaso dun modelo montado para non render contas e incapaz de cumprir os obxectivos cos que foi creado”.
“Cando o proxecto fracasa, o PP non rende contas; pide máis recursos públicos para ir ao rescate do fracaso”, incide Iglesias.