Actualizado
O Grupo Monbus alegou que era “simbólico” e “carente de utilidade” sancionalo polo cártel con Alsa.
A matriz do principal grupo galego de transportes, multada por Competencia por repartirse presuntamente concesións con Alsa, tamén advertiu do dano á súa reputación e da posible perda de contratos a causa da sanción.
Imaxe de arquivo de Raúl López saíndo dos xulgados de Lugo en 2016 tras declarar no marco da ‘Operación Pulpo’ / Eliseo Trigo / EFE
A Comisión Galega da Competencia sancionou a 21 empresas de Monbus e Alsa por repartirse adxudicacións da maior licitación de transporte da Xunta, as liñas regulares de viaxeiros por estrada, orzamentada en dúas fases nos anos 2019 e 2020 con máis de 700 millóns, 497 millóns nos lotes repartidos en 2019 e 237 millóns nos de 2020. O organismo que preside Ignacio López-Chaves impuxo unha batería de multas que alcanzan os 1,6 millóns ás distintas filiais das compañías que participaron na segunda fase do concurso, e inclúe á matriz Grupo Autocares Monbus, que detén a participación maioritaria do grupo galego. Ademais, Competencia fixou a prohibición de contratar ás empresas sancionadas durante un ano en licitacións da Xunta de transporte regular de viaxeiros por estrada. Á espera dos tribunais, é un desenlace inesperado dun caso que a entidade galega de competencia arquivou e que foi obrigada a reabrir polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A resolución do pleno, do pasado 9 de decembro, comprende tamén as alegacións presentadas por ambas empresas, incluídas as de Grupo Autocares Monbus, que exerce como unha sociedade de carteira e que non se presentara ao concurso. Reviste esta última un especial interese, pois a desestimación dos seus argumentos anticipa o que pode suceder no concurso das liñas de bus escolar, onde tamén está sendo investigada, no caso de que Competencia considere probado que houbo prácticas colusorias.
A inclusión de Grupo Autocares Monbus está xustificada, segundo a entidade, ao atopar “a existencia dunha influencia decisiva, dominante e determinante” sobre as empresas licitadoras, baseada en vínculos “económicos” e “organizativos” entre ambas. Sinala, por exemplo, que Raúl López é conselleiro delegado de Grupo Autocares Monbus e administrador único de todas as empresas que forman parte da compañía de transporte. Esta sociedade funciona como prestadora de servizos e, á súa vez, controla o 66% de Transmonbus, que é o grupo de consolidación do conglomerado de Raúl López. Unha alegación similar presentaron estas mesmas sociedades respecto á investigación polas liñas do bus escolar, que aínda non está resolta.
Unha sanción ‘inútil’
Grupo Monbus esgrimiu outros dous argumentos para quedar fóra das sancións, que no apartado económico é pouco significativa (3.550 euros), pero que inclúe tamén o veto dun ano nos contratos da Xunta. O primeiro é que, ao seu xuízo, a prohibición de contratar é unha restrición simbólica que nin é exemplarizante nin serve para ningún fin, toda vez que esta empresa, tenedora de participacións e prestadora de servizos intragrupo, non opera no mercado. Di Grupo Autocares Monbus que é unha sanción “simbólica carente de utilidade”.
Ademais, engade que esta prohibición “danará aínda máis” a reputación de Monbus, quedando rexistrada e sendo de carácter público, o que pode afectar ás súas relacións con terceiros e mesmo chegar a provocar a exclusión noutros ámbitos por apreciacións erróneas do alcance de dita prohibición.
Competencia responde case de maneira irónica ao sinalar que ese argumento suxire que “debe entón ampliarse esa prohibición a todo tipo de contratos coa Administración para lograr esa utilidade que predican os alegantes”, aínda que opta por mantelo tal e como está.
O problema das UTEs
Máis alá da matriz, o meollo da sanción por cártel estaba nas alegacións presentadas polas distintas filiais que, estas si, entraban no fondo do asunto. Houbo tamén diversos argumentos, desde o cambio de criterio de Competencia tras o rapapolvo xudicial que, a entender do grupo de Raúl López, vulnerou o principio de seguridade xurídica e xerou indefensión, ata a posible prescrición das condutas sancionadas. O principal asunto de debate, con todo, ten que ver coa conformación das UTEs con Alsa, que son o motivo principal de que a entidade considere que houbo un reparto de mercado en cinco dos lotes do concurso.
Monbus argumentou que o organismo realizou un “análise erróneo e arbitrario da necesidade obxectivo de concorrer en UTE, das eficiencias xeradas e da súa razoabilidade empresarial”. Ademais, sostivo que Competencia non proba a existencia dun cártel nin dunha infracción por obxecto ou polos efectos, xa que a falta de necesidade de presentarse aos lotes en alianza con Alsa non supón, de maneira automática, unha infracción e moito menos a conformación dun cártel.
A entidade que preside Ignacio López-Chaves defende, con todo, que Monbus e Alsa son competidoras directas no mercado, que non tiñan necesidade de presentarse conxuntamente pois tiñan capacidade económica e medios para optar aos lotes en solitario, e que da súa colaboración non se derivaron efectos beneficiosos para os usuarios, senón ao contrario. Engade que a alianza “non tiña outra finalidade que a de conseguir repartirse entre elas os cinco lotes máis rendibles da licitación do Plan de Transporte Público de Galicia, coa finalidade de seguir explotando as concesións que ata a data explotaba cada un destes grupos sen os riscos que implicaría ter que competir entre eles nesas licitacións”.