Ofensiva do PP galego ante a Defensora do Pobo Europeo para conseguir o expediente da AP-9
O eurodeputado Adrián Vázquez solicitou a Teresa Anjinho que medie para obter as alegacións que o Goberno presentou en Bruxelas no marco do expediente aberto pola prórroga da AP-9.

Imagen de la AP-9 en Vigo – EUROPA PRESS
Ofensiva do Partido Popular ante a Defensora do Pobo Europeo a conta da AP-9. O eurodeputado do PPdeG, Adrián Vázquez, solicitou a esta institución que medie para conseguir o expediente aberto pola Comisión Europea en relación coa xestión da AP-9.
A través dunha nota de prensa, Vázquez realizoulle a consulta a Teresa Anjinho durante a celebración da Comisión de Asuntos Xurídicos do Parlamento Europeo e tamén por escrito, e a Defensora do Pobo Europeo comprometeuse a analizalo.
“En Galicia temos unha situación complexa coa AP-9, unha autoestrada sobre a que levamos anos dende o Goberno autonómico exixindo ao Goberno central que nos explique que alegacións presentou á Comisión Europea, ata agora sen resposta“, expuxo o eurodeputado popular.
Neste sentido, Vázquez lembrou que o PPdeG xa solicitou recentemente á Comisión Europea que achegara esa información, dado que, engadiu, “o Goberno de Sánchez non a quere dar”. “E por iso desexamos que polo menos sexa vostede quen esixa á Comisión que o Goberno galego saiba en que situación está a AP-9, que é o que dixo o Goberno de España e cal é a resposta das institucións europeas”, pediulle o eurodeputado galego a modo de mediación.
Por outra banda, a responsable autonómica de Infraestruturas, María Martínez Allegue, recriminou que este expediente se instrúe dende hai seis anos e o Executivo galego non sabe “absolutamente nada, a pesar de que Galicia é parte implicada”.