Paramés ‘pesca’ 70 millóns coa venda dun 5% da mineira de Touro
Cobas AM, a xestora fundada polo investidor ferrolán, reduciu a súa participación en Atalaya Mining do 14,5% ao 10% despois de que as súas accións duplicasen o seu prezo no último ano.
Francisco García Paramés, durante a conferencia anual de investidores de Cobas AM no ano 2020
Cambios no accionariado de Atalaya Mining. Cobas Asset Management, a xestora impulsada polo ferrolán Francisco García Paramés, logrou uns 70 millóns de euros tras pechar a venda dun paquete accionarial de case o 5% na compañía.
Tal e como informou Atalaya Mining a través dun comunicado remitido á Bolsa de Londres, Cobas AM reduciu a súa participación do 14,5% ao 9,9% e recolle así parte dos beneficios colleitados co rebote en bolsa desta compañía que se revalorizou un 138% ao longo destes últimos 12 meses.
Destá maneira, Cobas AM reduce un terzo da súa aposta por esta empresa que opera a mina de Riotinto en Huelva e que impulsa a sociedade Cobre San Rafael xunto a Explotaciones Gallegas. A través desta firma, ambas compañías tramitan o proxecto de reapertura da mina de cobre de Touro, que foi considerada como “proxecto industrial estratéxico” por parte da Xunta, o que permitirá axilizar os prazos.
A sombra de Cobas AM en Atalaya Mining
Atalaya Mining, que ten como CEO ao galego Alberto Lavandeira, foi unha das apostas estrela de Cobas AM desde que consumou a entrada no seu capital en 2018. Tanto é así que a pesar desta venda de accións, a xestora de García Paramés mantense como o segundo principal accionista da compañía, só superado polo 21,9% en mans de Farringford NV, sociedade vinculada ao grupo suízo de materias primas Trafigura.
A francesa Ithaki completa o podio de maiores accionistas ao controlar un 8,3% do total, mentres que firmas españolas como Muza (xestora da familia Urquijo), Magallanes Value Investors ou Mutuactivos controlan entre un 3% e un 1,2%.
García Paramés reduce posicións en Atalaya Mining despois de que esta firma protagonizase unha escalada en bolsa que lle valeu o seu acceso ao índice FTSE 250 da Bolsa de Londres, que reúne ás principais empresas do mercado.
A promotora da reapertura da mina de Touro vén de facturar 361 millóns nos nove primeiros meses do ano e de xerar un beneficio bruto de explotación (ebitda) por valor de 138 millóns de euros.
Atalaya Mining erixíase como o principal valor en carteira do fondo Cobas Selección, a segunda maior investimento do Cobas Internacional e a terceira en Cobas Iberia, unha aposta que os levou a pechar un 2025 de récord.