Peixefresco, Arxil e Estudiantes: o Plan Social de Ence impulsa o baloncesto galego
Grazas ao impulso do programa, os tres clubes puideron desenvolver iniciativas que inclúen a mellora das instalacións, a formación de xoves talentos e a promoción de valores como a inclusión, a saúde e a cohesión social.
O Plan Social de Ence impulsa o baloncesto galego co apoio a Peixefresco, Arxil e Estudiantes.
En agosto de 2023, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a designación do 21 de decembro como Día Mundial do Baloncesto, en recoñecemento á capacidade deste deporte para unir a persoas de todo o mundo, superando fronteiras, culturas e linguas. Esa mesma data, pero en 1891, este deporte practicouse por primeira vez na Escola Internacional de Formación YMCA de Springfield, nos Estados Unidos, cando James Naismith, un instructor canadense de educación física, creou esta disciplina co obxectivo de manter activos aos seus alumnos durante os meses de inverno.
A ONU destaca o baloncesto como un dos deportes máis populares e practicados do mundo. Segundo datos da Federación Internacional de Baloncesto (FIBA), polo menos 450 millóns de habitantes en todo o mundo practícano.
A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible recoñece ao deporte en xeral como un facilitador clave para conseguir o desenvolvemento sostible. “O deporte, as artes e a actividade física teñen o poder de cambiar percepcións, prexuízos e comportamentos, así como de inspirar ás persoas, derrubar barreiras raciais e políticas, combater a discriminación e distender os conflitos”, sinalan desde a ONU.
Do baloncesto a organización destaca o seu “gran impacto nas esferas globais do comercio, a paz e a diplomacia”. “Crea un espazo único de cooperación e movemento físico e unha interdependencia que permite aos participantes verse uns aos outros como seres humanos ante todo”.
A tradición deste deporte en Galicia é ampla. En 2010 a Federación Galega de Baloncesto publicou o proxecto editorial 50 anos de Baloncesto en Galicia no que, a través de case 800 fotografías facíase un percorrido pola historia de equipos que ao longo das décadas desde os anos 40, cando se datan as primeiras competicións na comunidade, deron vida ao baloncesto.
Tres dos clubs que forman parte da historia viva deste deporte na comunidade resultaron beneficiarios na última edición do Plan Social de Ence, unha das iniciativas sociais de maior envergadura dunha empresa privada en España cun orzamento anual de tres millóns de euros.
Impulso ao baloncesto galego
O primeiro deles é o Baloncesto Marín Peixefresco, un club que o próximo ano cumprirá o seu 30 aniversario e que conta con 22 equipos e arredor de 300 federados. Non é a primeira vez que resulta beneficiario, segundo explicou a Economía Dixital Galicia o seu director, José Luis Santiago Pereira, “participaron en todas as convocatorias” do Plan Social de Ence desde que comezou a súa andaina en 2017.

“Somos o club de referencia da provincia desde hai moitos anos. O programa que presentamos – Baloncesto e Saúde– baséase en levar este deporte a todos os colexios da comarca de aquí, a península do Morrazo. Principalmente é a práctica do baloncesto; ademais de nos colexios e dos equipos de base, tamén temos seccións de adultos”.
Santiago Pereira destacou “a cohesión social e familiar” que representa o baloncesto e apuntou que o seu proxecto tamén inclúe o desenvolvemento dout outras actividades como obradoiros ou competicións.
“Fixemos, e estamos facendo, obradoiros de sanidade, primeiros auxilios… Levamos varios anos; temos acordos con algunhas universidades estranxeiras tamén que nos mandan aos seus profesores. Este ano, por exemplo, tivemos dúas conferencias sobre intelixencia artificial aplicada ao deporte, tamén sobre a práctica do idioma no deporte, neste caso, o galego”.
O club Peixefresco tamén colabora coa asociación sen ánimo de lucro Juan XXIII, dedicada á formación e promoción integral das persoas con discapacidade intelectual. “Levamos colaborando con eles desde hai uns anos. Facemos adestramentos nas súas instalacións, algunha concentración. Cando nós temos a organización de algún campionato autonómico ou a nivel estatal, véñennos axudar. Nós xa fixemos oito campionatos de España”.
Outro dos equipos que resultou beneficiado, un ano máis, o Club de Baloncesto Arxil, que ao igual que o Peixefresco, presentáronse a todas as convocatorias do Plan Social. Tal e como explicou a este medio a súa directora, Milagros Sanmartín Villaverde, o programa de Ence sérvelle de impulso para o “funcionamento do club”. “Para nós é unha inxección moi importante”.

Este club feminino leva en funcionamento desde o ano 1984 e na actualidade, entre todos os seus equipos conta con unhas 200 xogadoras. Con unha das axudas do Plan Social de Ence puideron comprar unha furgoneta que lles axiliza os desprazamentos.
“Coas dúas equipos senior, para aforrar custos, estamos viaxando en furgonetas todo o que podemos. Por exemplo, se coller un autobús desde Pontevedra ao País Vasco son 2.700 euros, custa máis que o hotel”.
A directora pon en valor o traballo que fan desde os clubs na promoción do deporte. “Nós como club facemos varios proxectos de saúde, os que chamamos Quinto Tempo, que están orientados a promocionar a comida saudable e que os deportistas se coiden”.
O Club Baloncesto Estudiantes de Pontevedra tamén foi beneficiario, por cuarto ano consecutivo, do programa de Ence. Grazas a este apoio ao longo destes anos puideron mellorar as instalacións deportivas, segundo explica o director Fernando Fariña Aboy.