Dous novos conselleiros independentes en Abanca, curtidos en Deloitte e Santander
Antonio Crespo e Alfonso de Castro, nomeados conselleiros independentes de Abanca, cuxos accionistas aprobaron a reelección para os próximos tres anos de Leticia Iglesias Herraiz e a ratificación de Javier Alonso Ruiz-Ojeda como membros do máximo órgano da entidade.
Francisco Botas durante a xunta de accionistas de Abanca
Antonio Crespo Ybáñez e Alfonso de Castro González foron nomeados novos conselleiros independentes de Abanca, na xunta xeral de accionistas que validou a xestión e as contas de 2025. Presidida polo seu conselleiro delegado, Francisco Botas, a xunta validou as contas anuais e o informe de xestión da entidade e o seu grupo correspondentes ao exercicio 2025. De xeito específico, tamén aprobou a xestión da entidade nos ámbitos da sustentabilidade e da responsabilidade social.
Tamén se respaldaron, segundo a entidade “por ampla maioría”, o resto das propostas de acordo recollidas na orde do día da sesión, na que estivo representado o 84,17% do capital social da entidade. Ademais, a xunta emitiu unha mensaxe de apoio para o pobo venezolano, “que sofre as tráxicas consecuencias do dobre terremoto ocorrido o pasado mércores”.
Reelectións e incorporacións
En canto ás propostas de acordo relativas á composición dos seus órganos de goberno, foron aprobados os nomeamentos de Antonio Crespo Ybáñez e Alfonso de Castro González como novos conselleiros independentes, a reelectión para os próximos tres anos de Leticia Iglesias Herraiz e a ratificación de Javier Alonso Ruiz-Ojeda.
Antonio Crespo Ybáñez é licenciado en Administración e Dirección de Empresas e Dereito pola Universidade Pontificia de Comillas (ICADE). Conta cun grao en Dereito e Economía e un máster en Sistema Fiscal Internacional por Indiana University. “Acumula unha ampla experiencia de 40 anos nos sectores de IT e consultoría”, destaca Abanca.
En Deloitte
Entre 1986 e 1988 dirixiu o equipo de Fiscalidade Internacional de Price Waterhouse. Entre 1988 e 2013 desenvolveu unha “extensa traxectoria directiva” en Hewlett Packard, onde foi conselleiro delegado (CEO) para España e Portugal, tendo asumido previamente as responsabilidades de director financeiro (CFO) e director de operacións (COO). Entre outros fitos, liderou a creación do negocio de servizos IT e a integración de firmas como Compaq e EDS.
En 2013 incorporouse a Deloitte, onde desenvolveu a práctica de asesoramento en Estratexia Tecnolóxica e de Tecnoloxía no sector financeiro. Desde 2022 desempeñou o cargo de socio director de Consultoría Global en Deloitte España “liderando a transformación estratéxica e o crecemento do negocio de consultoría da firma”.
Savia do Santander
Por outra banda, Alfonso de Castro González é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Valladolid. Conta cun máster en Administración de Empresas (MBA) polo Instituto de Empresa (IE) e co Programa de Dirección Xeral do IESE.
Desenvolveu tamén unha “extensa carreira internacional” de máis de 30 anos en diferentes sistemas financeiros, como Estados Unidos, España, países de Latinoamérica (México, Brasil, Arxentina, Chile, Venezuela), Polonia, Reino Unido e Asia.
As súas principais áreas de coñecemento, segundo Abanca, son os riscos crediticios, estruturais e estratéxicos. Conta con experiencia en todos os segmentos (minorista, empresas, maiorista, supervisión regulatoria, supervisión de riscos), así como na construción de equipos de alto rendemento en diferentes xeografías e áreas de servizos centrais.
Internacional
Desde 1991 desenvolveu unha longa traxectoria en diferentes unidades do Grupo Santander. Tras desempeñar distintas responsabilidades en España e México, entre 2005 e 2013 foi Chief Risk Officer (CRO) de Santander España. Posteriormente trasladouse a Estados Unidos durante dous anos, para exercer primeiro como Chief Risk Management Officer de Sovereign Bank (Santander Bank, N.A.) e desempeñar logo funcións en Santander Holdings US. Nos anos seguintes, desempeñou diversas responsabilidades internacionais desde Madrid, entre elas a de Chief Credit Officer (CCO) para Europa do Grupo Santander entre 2021 e 2023.