Abanca lanza unha emisión de 500 millóns para refinanciar débeda
A demanda alcanzou os 1.300 millóns, case o triplo do importe ofrecido, e está destinada a cumprir cos requisitos reguladores de capitalización e solvencia.
Abanca lanzou unha emisión de obrigacións ordinarias de 500 millóns dirixida exclusivamente a clientes profesionais e contrapartes elegibles. As obrigacións permiten refinanciar unha emisión previa polo mesmo importe executada hai cinco anos.
A entidade financeira cumpriu cos obxectivos de distribución ao recibir case 80 ordes individuais. O libro de ordes case triplicou o importe ofrecido, alcanzando os 1.300 millóns, nun entorno de execución “moi esixente”, segundo indica o banco. O custo do cupón foi do 3,75%.
A operación enmárcase no cumprimento dos requisitos MREL relativos á capitalización e solvencia das entidades financeiras, aplicables a todo o sistema bancario, o mesmo obxectivo que a emisión que está refinanciando.
Recompra de obrigacións
En paralelo a esta operación, Abanca invitou aos titulares da súa emisión de obrigacións ordinarias de 500 millóns con vencemento en setembro de 2027 a ofrecer eses títulos para a súa recompra en efectivo. O período para que os investidores presenten as súas ofertas de venda esténdese desde este mércores, 27 de maio, ata as 17:00 horas do próximo 3 de xuño de 2026.
O prezo de recompra fíxose no 99,35% do importe nominal das obrigacións (equivalente a 99.350 euros por cada bloque de 100.000 euros de principal), ao que se sumará o pago dos intereses devengados e non pagados ata a data de liquidación, prevista para o 9 de xuño de 2026.
Segundo explicou Escotet, o obxectivo destas operacións é optimizar a liquidez de Abanca, o perfil de vencemento da súa débeda e a súa elegibilidade para os instrumentos MREL (requisito mínimo de fondos propios e pasivos admisibles), ademais de facilitar liquidez aos actuais titulares dos títulos.
O anuncio cos resultados da oferta de recompra está previsto para o próximo 4 de xuño de 2026. Para o desenvolvemento do proceso, Banco Santander actúa como entidade directora única (sole dealer manager) e Kroll Issuer Services Limited intervén como entidade axente (tender agent) da operación.