Adif traslada de Atocha a Ourense o centro de control da circulación do AVE a Galicia
O xestor ferroviario emprega a unha decena de persoas neste centro situado na antiga estación ourensá de San Francisco a través da cal monitoriza a circulación do AVE.
Recreación elaborada por Adif en 2025 sobre o novo centro de regulación da circulación de Galicia en Ourense / Adif
Adif centraliza na antiga estación ourensá de San Francisco o control da circulación do AVE entre a cidade de As Burgas e Santiago. A axencia Europa Press asegura que Adif xa emprega a unha decena de persoas neste novo centro de regulación co que se controla o tráfico da liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago.
Adif anunciou en setembro do ano pasado un investimento de 1,1 millóns de euros para modernizalo. Entre outras cousas, a través dun comunicado de prensa, avanzou que contará cun videowall de 35,14 metros cadrados e “última tecnoloxía”. O xestor ferroviario comunicou por aquel entón que o seu cerebro operativo en Galicia, xestionará, “a distancia e en tempo real, a circulación de trens por toda a rede de Galicia: liñas dos tres anchos de vía que suman 1.151 quilómetros”.
Isto significa que tamén levará o tramo de alta velocidade Ourense–Santiago, que na actualidade controla Atocha, que desde o pasado mércores acaparou os focos polo tráxico accidente entre un AVE e un Iryo en Urda (Toledo), co resultado de polo menos 69 falecidos. “Tamén, como novidade respecto ao actual CRC, xestionará o tramo Ferrol–Ribadeo, da rede de ancho métrico. Todo o tramo en territorio galego da rede de ancho métrico”, precisan fontes de Adif consultadas por Europa Press.
O novo centro está en construción e as fontes do sector consultadas apuntan que “trátase de modernizar, unificar e mellorar as instalacións”, porque “fai falla”. “A compañía xa desprega o software” e “avanza na adecuación do edificio da antiga estación de San Francisco que acollerá este punteiro centro”, dicía Adif hai un ano, sen achegar prazos.
No actual traballan 10 persoas “simultaneamente”, que controlan o tráfico de toda a rede convencional de Galicia. “Agora controla todo agás o novo Madrid–Ourense (que chega ata Taboadela) e o Ourense–Santiago (novo)”, explican as fontes consultadas. De feito, co novo centro haberá outro cambio: o límite de Taboadela vai modificarse e pasará, coa posta en servizo doutro tramo (actualmente en plataforma, sen vía), a Seixalbo, máis preto de Ourense. É dicir, desde Atocha levarán Madrid–Seixalbo en lugar de Madrid–Taboadela e o Taboadela–Seixalbo actual seguirá en servizo xestionado por Ourense.
Do sistema LZB ao ERTMS
O sinistro de Urda produciuse tras a avaría do sistema LZB, cuxa caída parou os trens. O LZB é o equivalente ao ERTMS, ao que de feito está a migrar a liña máis antiga da alta velocidade española, a que conecta Madrid e Sevilla.
“No eixo atlántico, que hai ERTMS, non hai case incidencias, o ERTMS funciona”, destacan as fontes do sector. En Angrois (no tramo final da liña Ourense–Santiago, onde descarrilou un Alvia en 2013 causando 80 mortes) implantouse este sistema de control continuo da velocidade e freado automático en agosto de 2023, isto é, 10 anos despois. Existe consenso en que a súa presenza unha década atrás tería impedido a traxedia.
Tras o accidente de A Grandeira, a obra para implantar o ERTMS foi adxudicada en 2015, coa previsión de que estivésemos lista en 2017. Este amplo prazo foi xustificado na súa altura pola complexidade técnica e polo feito de non parar a circulación dos trens salvo en contados días.
De feito, durante a implantación houbo incidencias, pero as fontes consultadas advirten que foron “as típicas”, e introducen a idea de enxeñaría da “curva da bañeira” das instalacións, segundo a cal “ao principio fallan moito, logo pouco… e logo outra vez moito (para cambialas)”. Modificación que afronta o LZB na liña Madrid–Sevilla, un sistema instalado en 1992 e “obsoleto”, segundo a opinión de expertos.