A Xunta pacta cos reitores a descentralización de Medicina pero frea as facultades en Vigo e A Coruña

As universidades de Vigo e A Coruña acordan coa Xunta o atraso na implantación das facultades de Medicina, pero, a cambio, asumirán o 50% da docencia dos tres últimos cursos do grao que actualmente se imparte en Santiago.

De izquierda a derecha: el conselleiro de Educación, Román Rodríguez; el rector de la USC, Antonio López; el rector de la UDC, Ricardo Cao; el rector de la UVigo, Manuel Reigosa, y el conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño / Xunta

De izquierda a derecha: el conselleiro de Educación, Román Rodríguez; el rector de la USC, Antonio López; el rector de la UDC, Ricardo Cao; el rector de la UVigo, Manuel Reigosa, y el conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño / Xunta

Acordo clave entre a Xunta de Galicia e os reitores das tres universidades galegas a conta do grao de Medicina. O Executivo galego e o sector universitario alcanzaron un acordo para a descentralización desta titulación que ata agora impartíase na Universidade de Santiago de Compostela e que a partir de agora contará con novas unidades docentes en Vigo (UVigo) e A Coruña (UDC).

Mediante este acordo, Vigo e A Coruña aceptan “retrasar” a solicitude dunha facultade nos seus respectivos campus; aínda que, no caso de A Coruña, “segue traballando” na súa tramitación. Con todo, ningunha poderá presentar formalmente esta solicitude durante a vixencia do acordo porque levaría ao seu incumprimento. A Xunta tampouco poderá autorizar ningunha titulación de carácter privado.

Destarte, presentarase un “documento único” ao grupo de traballo establecido para a descentralización de Medicina, que se reunirá a semana que vén. “A decisión terá que tomala o grupo de traballo, no que están representados todos os actores”, matizou o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, quen anunciou esta decisión.

Así será a descentralización

Reigosa compareceu xunto aos seus homólogos en Santiago, Antonio López, e A Coruña, Ricardo Cao, e do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o responsable autonómico de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que este xoves tiñan prevista unha comparecencia conxunta para asinar convenios en materia de I+D+i.

“Os atrancos que tiñamos van permitir presentar un documento único e consensuado, que está baseado na formación de unidades docentes, tanto en Coruña como en Vigo, ademais de en Santiago. Permitirá que haxa profesorado de distintas categorías contratado polas universidades galegas”, expuxo Reigosa.

A descentralización afectará aos tres últimos cursos do grao (4º, 5º e 6º), nos que Santiago asumirá o 50% da docencia teórica e práctica -arredor de 200 alumnos-; e Vigo e A Coruña, a outra metade, o que supón un total de 100 alumnos por cidade. As novas unidades estarán compostas por persoal das tres universidades. Polo tanto, no caso da UVigo e a UDC, incorporarán persoal propio e tamén da USC.

En base a este preacordo, o proceso arrincaría, de forma progresiva, o curso que vén e completaríase nun prazo de tres anos, de forma que no 28/29 xa estaría finalizada a súa implantación. Con todo, o cumprimento revisarase cada ano a través dunha comisión de seguimento, da que aínda se descoñece quen formará parte.

Este preacordo terá que ser “matizado ou corrixido” polo grupo de traballo, pero permitirá comezar a avanzar no desenvolvemento dunha docencia descentralizada: “Que sexa o mellor para a formación dos médicos e coa que todos poidamos sentir útiles”, engadiu Reigosa.

Os reitores aceptan, desta maneira, que se retrase a solicitude de novas facultades, aínda que Reigosa mostrouse “optimista” sobre a evolución desta proposta no futuro. O reitor da UDC, o primeiro en abrir a porta a unha nova facultade, ratificou que tamén “retrasan” a súa solicitude. “Isto non significa que non sigamos traballando niso”, matizou. Preguntado pola súa satisfacción, Cao afirmou: “Como dixen hai uns meses, dialogar ata a extenuación”.

Ademais de insistir na avaliación de cumprimentos anual, quixo destacar, dentro do preacordo, o “mantemento” da “vinculación única” de cada hospital á súa universidade “territorialmente próxima” e das condicións dos Institutos de Investigación Sanitaria (IDIS) xunto cos hospitais correspondentes.

Pola súa parte, o conselleiro de Educación, que sempre apoiou a descentralización, mostrouse satisfeito co consenso: “Todos fomos capaces de chegar, desde posicións antagónicas, a un punto de encontro”. “Estou seguro de que ningún dos que estamos aquí estamos contentos ao 100%”, puntualizou, ao tempo que destacou a “confianza” e “respecto” mutuos mostrados por todas as partes.

Así mesmo, o reitor da USC, na súa primeira valoración, asegurou que o preacordo “vai na liña” do que a súa universidade defendía, a “implicación” de “todo” o sistema sanitario de Galicia e “todas” as universidades. Posteriormente, nunha rolda de prensa propia —convocada con antelación—, defendeuno como unha “boa solución”, aínda que admitiu que a USC “cede bastantes cousas”. Por exemplo, el defendía que a descentralización debería “dilatarse máis” no tempo.

“Isto ten un compromiso e é que non se poñan na mesa iniciativas de novas titulacións mentres dure o acordo. Tamén existe un compromiso para a Xunta, no sentido de que durante este tempo non deben autorizarse outras titulacións, nin públicas nin privadas, de Medicina“, clarificou.

Ademais, Antonio López avanzou que, en contrapartida, o acordo consta cunha “cláusula de saída”, de forma que, no momento no que se incumpra de calquera forma, “abriríase” a posibilidade de implantar novas titulacións.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta