Sen rastro das universidades galegas no top das 500 mellores do mundo
A Universidade de Santiago de Compostela é a mellor clasificada no ranking de Shanghai mentres que a de Vigo cae un chisco e a da Coruña non figura nin entre as 1.000 mellores.
Fachada do Reitorado de Santiago de Compostela (A Coruña). Europa Press
Nova edición do ranking de Shanghai sen representación galega no top 500. O prestixioso listado recompilado por un grupo de especialistas da Universidade Jiao Tong para valorar a calidade das 1000 mellores sitúa á Universidade de Santiago de Compostela como a primeira clasificada en clave galega.
En concreto, a USC mantense no escalafón do 501 ao número 600. A entidade repite por terceiro ano consecutivo no escalón 501-600, tras o ascenso conseguido en 2024 desde o intervalo 601-700 das mellores universidades do mundo.
A máis distancia sitúase a Universidade de Vigo, que baixa ata situarse nunha horquilla do 901 ao 1.000 do mundo.
En total, ARWU clasifica anualmente máis de 2.500 universidades e publica o listado coas 1.000 mellores, entre as que non figura a Universidade da Coruña.
Así se fai o ranking de Shanghai
Shanghai utiliza seis indicadores obxectivos para clasificar as universidades mundiais, incluíndo o número de persoal investigador altamente citado, o número de artigos publicados en revistas de Nature e Science, o número de artigos indexados no Science Citation Index – Expanded e no Social Sciences Citation Index, o rendemento per cápita de cada universidade e o número de ex alumnado e persoal galardoado con Premios Nobel e Medallas Fields.
Xa a finais do ano pasado, a edición 2025 do Global Ranking of Academic Subjects (GRAS), popularmente coñecido como Ranking de Shanghai por materias, destacara a USC nun total de 14 campos temáticos, sendo Farmacia e Ciencias Farmacéuticas o ámbito máis salientable, ao situarse no posto 45 do mundo e primeiro de España.
Esta clasificación destacou tamén a Universidade de Santiago de Compostela no escalón 151-200 en Ciencias Medioambientais e Enxeñaría, Ciencias dos Alimentos e Tecnoloxía, Veterinaria e Odontoloxía. Ciencias Atmosféricas, Biotecnoloxía, Estatística e Ciencias Agrícolas foron as materias da USC que Shanghai situou no escalón 201-300. No intervalo 301-400, quedou Física, Ecoloxía e Psicoloxía; mentres que no escalón 401-500 se colocaron Química e Xestión.