O Eixo Atlántico reclama a mediación de Portugal para desbloquear as conexións ferroviarias con Galicia
A organización traslada ao presidente da República de Portugal, António José Seguro, a súa preocupación polos atrasos acumulados na liña ferroviaria de alta velocidade entre Ferrol e Lisboa, que poderían agravarse pola “falta de información pública sobre a planificación do Ministerio de Transportes”.
Encontro do presidente do Eixo Atlántico e presidente da Cámara Municipal de Viana do Castelo, Luís Nobre, e do secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao, co presidente da República de Portugal, António José Seguro – Eixo Atlántico
O presidente do Eixo Atlántico e presidente da Câmara Municipal de Viana do Castelo, Luís Nobre, e o secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao, trasladaron este sábado ao presidente da República de Portugal, António José Seguro, a súa preocupación polos atrasos acumulados na liña ferroviaria de alta velocidade entre Ferrol e Lisboa, que, aínda que por agora se estiman arredor dun ano, poderían agravarse debido á falta de información pública sobre a planificación do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible español.
Aproveitando a estadía do xefe do Estado en Viana do Castelo, onde presidiu os actos da festividade de Nossa Senhora da Agonia, unha das romarías máis importantes e multitudinarias de Portugal, os representantes do Eixo mantiveron un encontro no que lle trasladaron as principais cuestións estratéxicas que afectan a Galicia e ao Norte de Portugal e para dar continuidade á relación que o Eixo Atlántico viña mantendo co anterior xefe do Estado, Marcelo Rebelo de Sousa.
Segundo explican nun comunicado, aínda que o presidente da República non dispón de competencias executivas, “o Eixo Atlántico destacou a importancia da súa capacidade de mediación institucional, especialmente pola relación fluída que mantén co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e solicitoulle que contribúa a reactivar un proceso que avanzou de forma satisfactoria durante os anos de cooperación entre o Executivo español e o anterior Goberno portugués encabezado por António Costa”.
Durante a reunión tamén se puxo de manifesto a preocupación da entidade pola escasa interlocución existente actualmente entre os responsables de infraestruturas de España e Portugal, unha circunstancia que, segundo o Eixo Atlántico, podería afectar ao desenvolvemento de proxectos estratéxicos para Galicia e o Norte de Portugal. A última Cume Hispano-Portuguesa estivo marcada por outros asuntos prioritarios, como a xestión hídrica e as conexións enerxéticas, sen que as infraestruturas de transporte ocuparan un lugar destacado na axenda política.
O secretario xeral do Eixo Atlántico trasladou aos medios a súa preocupación polo feito de que o ministro portugués participase en actos organizados pola Xunta de Galicia que foron utilizados como instrumentos de confrontación co Goberno central. Esta situación, unida ao perfil dos ministros e ao peso que teñen nos seus respectivos partidos políticos, tampouco contribuíu a manter unha relación fluída entre ambos países, o que “acaba prexudicando o desenvolvemento de infraestruturas estratéxicas para Galicia e o Norte de Portugal”, sinalou o secretario xeral da entidade.
“Independientemente dos resultados concretos que poidan derivarse desta reunión, da que saímos optimistas pola boa disposición e a excelente acollida do presidente da República, o que si parece evidente é que António José Seguro mostrou máis respecto institucional cara ao Eixo Atlántico e os seus concellos que o ministro Óscar Puente, quen nunca atopou tempo para reunirse con nós”, apuntou Vázquez.
Ponte ferroviaria sobre o río Miño
En relación co novo ponte ferroviario internacional sobre o río Miño, o presidente e o secretario xeral do Eixo Atlántico solicitaron ao presidente da República a súa mediación para que España e Portugal asuman públicamente un compromiso cunha data conxunta de finalización da obra. Ao tratarse dunha infraestrutura compartida por ambos países, a conclusión dos traballos debe producirse de maneira simultánea ao relativo ao novo ponte. Este compromiso permitiría poñer fin ás informacións contradictorias que veñen xurdindo sobre os prazos de execución, entre elas, a data anunciada polo presidente da Xunta de Galicia, sen respaldo en ningún informe técnico coñecido, e establecería un calendario oficial que servise de referencia para o seguimento dos traballos.
Así mesmo, o Eixo Atlántico plantexou a necesidade de pechar definitivamente o modelo de xestión do proxecto. Aínda que xa está decidido o emprazamento do ponte, queda por acordar a repartición de responsabilidades entre España e Portugal, tanto para a redacción do proxecto como para a licitación e execución das obras.
A entidade trasladou ao presidente da República a conveniencia de que ambas decisións queden pechadas na próxima Cume Ibérica. De adoptarse entón estes acordos, sería posible manter o calendario previsto para a infraestrutura dentro das marxes habituais deste tipo de actuacións, permitindo finalizar as obras en 2032 e poñer en servizo a nova conexión ferroviaria en 2033.
Loita contra incendios
Entre os asuntos abordados ocupou un lugar destacado a loita contra os incendios forestais. Neste sentido, o Eixo Atlántico reiterou a súa proposta de crear unha autoridade conxunta hispano-portuguesa de prevención e extinción de incendios, capaz de integrar os recursos de ambos países baixo un mando único de carácter rotatorio, co obxectivo de mellorar a coordinación e a capacidade de resposta ante emerxencias cada vez máis frecuentes e complexas.