Actualizado
O Eixo Atlántico analiza en Lugo o impacto da crise enerxética e económica en Galicia e Portugal
A organización sinala que, ante un contexto internacional que “non invita ao optimismo”, as cidades deben prever as “consecuencias das crises e previr os efectos” derivados tamén dos conflitos bélicos.
Consello estratéxico do Eixe Atlántico celebrado en Lugo
O Consello Estratéxico do Eixo Atlántico, constituído o pasado febreiro na Asemblea Xeral celebrada na Coruña, reuniuse en Lugo para abordar o contexto actual marcado polos conflitos bélicos de Ucraína, Gaza e Irán, ademais da crise enerxética e económica que afecta as cidades do seu territorio.
Nesta liña, o Consello identificou liñas de acción que permitan fortalecer a resiliencia das cidades así como protexer os sectores máis vulnerables fronte á crise enerxética e á escalada dos prezos.
“As cidades son a primeira liña de resposta fronte ás crises, como se demostrou na pandemia e como está a producirse, dunha forma menos mediática, na situación actual. Trátase de crises que en ningún caso foron provocadas polos xestores das cidades nin polos cidadáns; con todo, son os xestores quen teñen que buscar solucións e, na maior parte das veces, financiarlas cos seus propios orzamentos, mentres que son os cidadáns quen sofren as consecuencias, especialmente os máis vulnerables”.
Explican desde o Eixo que, ante un panorama que “non convida ao optimismo”, as cidades deben prever as “consecuencias das crises e previr os seus efectos”. “Isto é o que se denomina resiliencia, e neste ámbito están a xogar un papel determinante as redes de cidades como o Eixo Atlántico, que a través da masa crítica que xera (7 millóns de cidadáns, neste caso) consegue activar mecanismos como o Consello Estratéxico”
“Mentres outros calan cun criticable servilismo ante Trump e perden tempo combatendo o goberno central por motivos partidistas, nós traballamos polo futuro das cidades e dos seus cidadáns”, apuntou o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.
A reunión contou coa presenza de Miguel Fernández, presidente do Eixo e alcalde de Lugo; Luis Noble, vicepresidente do Eixo Atlántico e alcalde de Viana do Castelo; os ex-ministros José María Costa e Arlindo; o ex-presidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe; o ex-presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfredo García; e ex-alcaldes como Severino Rodríguez e José Sánchez Bugallo. Tamén asistiron expertos como a profesora Adelina Pinto, o ex-director da Agència d’Ecologia Urbana de Barcelona, Francesc Cárdenas, e o ex-presidente da Agência para o Desenvolvimento e Coesão (AdC) en Portugal, José Soeiro.