Ciberseguridade, emprendemento e coñecemento aplicado: Santiago acolle o foro ‘Espazo CIBERGalicia 2025’
O congreso celebrarase os próximos 22 e 23 de outubro na Cidade da Cultura, no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, e contará cunha programación que combinará as ponencias de expertos de relevancia nacional e internacional con demostracións en directo.

Museo Centro Gaiás – Cidade da Cultura
Os próximos 22 e 23 de outubro Santiago acollerá o foro Espazo CIBERGalicia 2025, un congreso internacional que pretende asentarse como referencia no ámbito da protección dixital e a transferencia tecnolóxica.
Organizado pola Cátedra de Economía da Ciberseguridade USC–INCIBE, o evento celebrarase na Cidade da Cultura (edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia) e contará cunha programación que combinará as ponencias de expertos de relevancia nacional e internacional con demostracións en directo levadas a cabo por start ups galegas e provedores de servizos de seguridade.
“Espazo CIBERGalicia 2025 ofrecerá espazos de exhibición tecnolóxica, mesas de diálogo, dinámicas formativas e presentación de resultados académicos, integrando a excelencia universitaria coa participación activa de empresas, institucións, profesionais e cidadanía. Con un enfoque estratéxico, colaborativo e sostible, o congreso busca reforzar o papel de Galicia como nodo emerxente en ciberseguridade, talento dixital e economía do coñecemento”, explican desde a cátedra.
O foro nace coa vocación de converterse en “un espazo de conexión entre universidade, empresa e institucións públicas”, apostando por unha ciberseguridade que non só atenda aos desafíos técnicos, senón tamén ás súas implicacións económicas, xurídicas e sociais.
Entre os seus principais eixos temáticos que se abordarán no evento están a capacitación de pequenas e medianas empresas galegas en materia de ciberseguridade, a visibilización e fortalecemento do emprendemento tecnolóxico local, a proxección de novas liñas de investigación e transferencia desde a universidade, a actualización do marco normativo e a gobernanza dixital e a análise do estado actual da ciberseguridade en empresas e cidadanía a través de barómetros específicos.
Programa de CIBERGalicia 2025
A primeira das xornadas centrarase no ámbito empresarial, profesional e académico e contará con demostracións tecnolóxicas de startups galegas, espazos de networking, ademais de sesións orientadas ao talento novo e ao emprendemento. Entre os ponentes estarán María Bastida Domínguez e Miguel Ángel Vázquez Taín, directores da cátedra.
Pola súa parte, o xoves 23, a xornada estará orientada a institucións públicas, organismos universitarios, colexios profesionais e actores do ecosistema dixital. Nela presentaranse os resultados do Observatorio de Ciberseguridade, propostas normativas elaboradas desde Galicia, e os barómetros de percepción empresarial e cidadá sobre ciberseguridade.
A asistencia ao foro será gratuíta aínda que é necesario completar o formulario de inscrición previa. As prazas serán limitadas e as inscricións serán confirmadas dúas semanas antes do evento para garantir unha planificación adecuada dos espazos, os recursos e as dinámicas previstas.