Actualizado
O proxecto do Inega para conseguir enerxía das ondas en Punta Langosteira atrae a sete empresas
O proxecto Innomar contempla o deseño, desenvolvemento e validación dunha solución tecnolóxica innovadora consistente nun multiconector flotante sensorizado, que permita a conexión de múltiples prototipos de xeración eléctrica a partir de renovables mariñas e a evacuación da enerxía producida.
Punta Langosteira – AUTORIDADE PORTUARIA A CORUÑA – Arquivo
Sete empresas amosaron o seu interese para participar no proxecto do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para desenvolver o primeiro prototipo flotante a nivel nacional que permitirá monitorizar o mar e evacuar a enerxía xerada polas ondas e as correntes no entorno de Punta Langosteira, na Coruña.
O pasado 23 de marzo rematou o prazo de presentación de solicitudes para o proxecto de Compra Pública de Innovación (CPI) Innomar. A Consellería de Economía e Industria –da que depende o Inega– informou este sábado do número de solicitudes recibidas, que agora se atopan en fase de valoración.
Neste contexto, a previsión da Xunta é que, unha vez avaliada a documentación presentada e as solvencias económica, financeira e técnica das empresas, se seleccionen as máis axeitadas para participar no diálogo competitivo.
O procedemento empregado nesta ocasión implica unha tramitación máis extensa da contratación ao contemplar a definición progresiva dunha solución que cubra as necesidades detectadas e garanta un maior grao de adecuación técnica e de innovación do proxecto definido.
Deste xeito, as empresas seleccionadas presentarán unha proposta inicial que será avaliada e valorada. Aquelas que mellor se axusten ás necesidades do proxecto poderán acceder á fase final coa proposta de solución perfilada. Entre elas, seleccionarase aquela que finalmente vai desenvolver o contrato, cuxa adxudicación está prevista para o mes de setembro.
Proxecto Innomar
O proxecto Innomar contempla o deseño, desenvolvemento e validación dunha solución tecnolóxica innovadora consistente nun multiconector flotante sensorizado, que permita a conexión de múltiples prototipos de xeración eléctrica a partir de renovables mariñas e a evacuación da enerxía producida. Tamén servirá para monitorizar en tempo real as condicións atmosféricas e mariñas, así como factores ambientais e de biodiversidade do medio mariño.
O prototipo estará emprazado na zona experimental de enerxías mariñas de Punta Langosteira, unha infraestrutura única para a validación de tecnoloxías mariñas en condicións reais e que está considerada como a segunda zona experimental do mundo con maior concentración de enerxía das ondas, por detrás da costa sur de Gales.