Os familiares renden homenaxe ás vítimas do ‘Pitanxo’ no cuarto aniversario do naufraxio
Familiares, compañeiros, amigos e veciños congregáronse nun acto en Marín no que realizaron unha ofrenda floral e celebraron unha misa que foi oficiada polo arcebispo de Santiago.
O Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo, intervén no acto polo cuarto aniversario do naufraxio do Villa de Pitanxo / Defensor do Pobo
Marín rende homenaxe ás vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo. Familias, compañeiros, amigos e veciños dos falecidos rendéronlles tributo no cuarto aniversario desta catástrofe que se levou a vida de 21 mariñeiros.
O Paseo Alcalde Blanco foi de novo o lugar escollido para esta homenaxe, que consistiu nunha ofrenda floral e, despois, unha misa oficiada polo arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto. No acto deron cita diferentes representantes institucionais, como o Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo, que, na súa intervención, situou como un “verdadeiro homenaxe” que “non poucas persoas” atopasen no dor “motivos para traballar e loitar en defensa da verdade”. “Temos que responder á vosa determinación coa nosa e evitar a indefensión xa que falamos de vidas humanas e do dereito dos traballadores”, asegurou.
Tamén mostrou a súa confianza na xustiza e expresou “esperanza” de que esta traia “a necesaria verdade e a imprescindible reparación”. Ademais, para Gabilondo, esta memoria é “recoñecemento” cara aquelas persoas que traballan no mar e “que remataron a súa vida nelas” e aquelas a quen “en cada despedida sempre lles cabe esperar o seu retorno”.
Así mesmo, ao acto asistiron, entre outros, o delegado do Goberno, Pedro Blanco; a conselleira do Mar, Marta Villaverde; a valedora do Pobo, María Dolores Fernández, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.