Taxistas da Coruña denuncian o intrusismo de Uber e Cabify: “Fan o 80% dos seus servizos no casco urbano”

O sector denuncia o atraso da Xunta e do Concello en adoptar medidas que obriguén aos VTC a respectar a súa licenza, que unicamente lles permite operar en servizos interurbanos.

un vehículo de cabify

Nova protesta dos taxistas galegos. O sector mobilizouse este xoves, 13 de novembro, na Coruña para denunciar a lentitude das administracións, tanto autonómica como local, para tomar medidas contra o que consideran un “intrusismo” dos vehículos de transporte con condutor (VTC) na cidade.

“Teñen unha licenza exclusivamente interurbana e están facendo o 80% dos seus servizos no casco urbano”, explicou o portavoz do colectivo, Juan Carlos Sambad. Fixoo tras apuntar que “Cabify e Uber levan desde 2018 operando na cidade e parece como se aparecesen agora de súpeto”.

Para protestar ante esta situación, un cento de taxis, a título particular, saíron en caravana do barrio de Palavea arredor das 11.00 horas para percorrer A Pasaxe, avenida do Exército, Primo de Rivera, Linares Rivas, Juana de Vega e finalizar na explanada de O Parrote.

“O obxectivo desta marcha lenta é dar visibilidade a este problema”, expuxo Sambad ante unha circunstancia que afecta aos “522 taxis que hai na Coruña”.

Reclamacións ás dúas administracións

“Somos un grupo de traballadores descontentos con como se está levando todo”, recalcou. Neste sentido, sinalou que as reclamacións do sector van dirixidas a “ás dúas administracións”. “Non entramos en quen é máis ou menos responsable”, indicou en alusión ao Executivo autonómico e ao concello.

Con todo, Sambad incidiu en que “no casco urbano da cidade da Coruña quen ten a obriga de facer cumprir a lei é o Concello e a Policía local”. “Parece ser que non o están facendo”, apostilou.

Respecto á caravana de protesta, desde a Policía local precisaron que a súa incidencia no tráfico foi “escasa” e “sen maior repercusión”. “Unha circulación máis densa e lenta pero que non interferiu moito na vida cotiá”, concretaron.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta