A inspección abre expediente a Inditex polos soldos do persoal de ETT, segundo a CIG
O sindicato asegura que a multinacional leva anos pagando por debaixo do convenio provincial ao persoal contratado por ETT, o que levou á apertura dun expediente sancionador da Inspección de Traballo.
Protesta de traballadoras de Inditex fronte a unha tenda de Zara / EFE
A CIG asegura que, a raíz dunha denuncia presentada polo sindicato, a Inspección de Traballo da Coruña abriu un expediente sancionador contra Inditex por pagar ao persoal contratado por ETT por debaixo do que marca o convenio provincial do comercio vario. A central sindical di que este incumprimento prodúcese desde hai anos e que conlevará a reclamación das cotizacións e os salarios deixados de aboar pola multinacional de Amancio Ortega desde o ano 2022. A intención do sindicato é que estas reclamacións se amplíen ao conxunto de centros do grupo en España.
Segundo explica CIG-Servizos nun comunicado, Inditex non abonou ao persoal de ETT os 200 euros mensuais incluídos no convenio provincial tras as mobilizacións de 2023. Tampouco as comisións nin outros complementos establecidos por convenio e acordos coa propia empresa. A situación tería afectado a “centos de traballadores” aos que o xigante téxtil deixou de pagar “miles de euros”, segundo asegura Roberto Pérez, secretario de Acción Sindical de CIG-Servizos. O sindicalista estima que a diferenza anual na retribución podería situarse entre os 6.000 e 7.000 euros respecto ao salario que debería ter pagado a compañía, “xa que Inditex está a pagar 4,5 euros por hora menos do marcado no convenio colectivo“.
Convenio de ARTE
Pérez critica que a compañía dificultou a denuncia e a investigación, pois denegou de xeito sistemático aos comités das distintas marcas os datos de contratación a través de empresas de traballo temporal. Ademais, apunta a unha relación desta investigación coa creación da patronal ARTE, impulsada pola propia Inditex, e que engloba a grandes multinacionais da moda, como Uniqlo, Primark, Mango, H&M ou Tendam. “Coa sinatura do convenio de ARTE, Inditex pretende revestir de legalidade esta práctica, pactando a nivel estatal salarios inferiores aos que están recoñecidos no convenio provincial da Coruña”, alerta o responsable sindical.