A remontada de Altia: recupera o podio do BME Growth e supera en capitalización a San José e Ecoener

A consultora que preside Tino Fernández roza os 445 millóns de euros de valor en bolsa tras a escalada do 40,2% que protagonizan as súas accións no que vai de 2025.

Tino Fernández, presidente de Altia / Altia

Tino Fernández, presidente de Altia / Altia

Altia volta a exercer de peso pesado no BME Growth. A consultora que preside Tino Fernández recuperou o seu posto no podio deste índice anteriormente coñecido como Mercado Alternativo Bursátil (MAB).

A empresa con sede en Oleiros demostrou a súa escalada do 40,2% en bolsa desde o comezo de 2025 para volver situarse como a segunda maior por capitalización deste selectivo. As accións de Altia pecharon a sesión deste xoves cun prezo de 6,45 euros. Esta cotización, ademais de ser a máis elevada nos seus case 15 anos de andaina bursátil, permite que o seu valor se eleve até os 443,6 millóns de euros.

Deste xeito, Altia, que chegou a ostentar o trono do MAB anos atrás, só se atopa cun competidor no seu camiño para recuperar o cetro. Trátase de Arteche. O grupo vasco especializado no desenvolvemento e fabricación de equipos e solucións para a xeración, transmisión e distribución de enerxía eléctrica rexistra un rebote do 72% e estira a súa capitalización en bolsa até os 753,6 millóns de euros.

A despedida de Proeduca Altus e Greenalia

No horizonte de Altia Consultores e de Arteche proxectábase ata hai uns meses a sombra de Proeduca Altus. O grupo propietario da Universidade Internacional de La Rioja liderou o BME Growth desde a crise de EiDF grazas a un valor que superaba a barreira psicolóxica dos 1.000 millóns de euros.

Con todo, os cinco principais socios de Proeduca Altus lanzaron a pasada primavera unha opa de exclusión dirixida aos accionistas minoritarios por un prezo de 34,01 euros por título. A oferta foi aceptada en xullo polos accionistas que representaban ao 93,61% do capital ao que se dirixía a operación e o 24 de xullo executouse a exclusión das accións da compañía do BME Growth.

Proeduca Altus segue o camiño que xa tomou Greenalia, que executou un movemento similar a mediados de 2022 tras unha opa de exclusión a 17,5 euros por acción que implicaba valorar en 388 millóns de euros ao grupo enerxético con sede en A Coruña.

O Mercado Continuo no horizonte

Altia situase así como o segundo principal valor do BME Growth (excluíndo socimis) tras dar o sorpasso a Ebro EV Motors, que viu cómo o seu valor en bolsa retrocedía até os 417,2 millóns de euros tras a súa caída do 2,9% no que vai de 2025. Natac Natural Ingredients (anterior IFFE Futura) e Cox Energy, con 404,4 e 252,6 millóns de capitalización, completan o top 5, seguidos de Knowmad Mood (218 millóns), Secuoya Content Group (217,9 millóns), Indexa Capital Group (160 millóns), Sngular (149,7 millóns) e Greening Group (138,3 millóns). EiDF vése apeada do top 10 tras perder un 39,3% do seu valor no que vai de ano, até situarse nos 118 millóns de euros.

Altia consolídase como un dos xigantes do BME Growth e non perde de vista ao Mercado Continuo. “Sí ou sí, ese vai ser o futuro”, respondeu Tino Fernández nunha entrevista tras ser preguntado sobre este ascenso bursátil. “O que non sei dicir agora é cando vai ser”, engadiu. “Creo que, posiblemente, este movemento estará acompañado dunha operación de desenvolvemento corporativo onde se plantexará a conveniencia de acompańalo con unha nova ampliación de capital que dé entrada a novos accionistas, que aumente o free float, a propia capitalización da compañía e faiga que teña mais sentido cotizar no Continuo”, defendeu.

Plan de negocio e ‘sorpasso’ a San José

Altia aínda se sitúa lonxe da barreira dos 1.000 millóns de euros que obrigaría a activar os trámites para dar o salto ao Mercado Continuo pero xa supera en valor bursátil a 42 das empresas alí presentes. Entre elas, as galegas Grupo San José, Ecoener ou Adolfo Domínguez. A que máis se achega en capitalización é a construtora que preside Jacinto Rey, con 431 millóns de euros. A enerxética que capitanea Luis de Valdivia, pola súa parte, suma 281 millóns mentres que a téxtil ourensana capitaliza 46 millóns.

Altia logrou trasladar ao parqué a senda ascendente que presenta a súa conta de resultados. E é que a tecnolóxica coruñesa pechou 2024 cunha facturación de 255,6 millóns de euros, o que supón un 6% máis que o ano anterior. Ademais, o seu beneficio elevouse un 0,5%, até alcanzar os 15,4 millóns de euros.

A consultora, que nos últimos anos creceu tanto de maneira orgánica como inorgánica (a través das compras de Noesis, Wairbut, IN2, Verne Information Technology e Bilbomática) fixo público meses atrás o seu plan de negocio para o período 2025-26. Nel contemplase un aumento dos ingresos do 29% nos próximos dous anos, o que lle permitirá alcanzar 330 millóns. No caso de cumprir os obxectivos marcados, Altia conseguirá tamén un incremento do 57,1% do beneficio neto, pasando dos 15,4 millóns a 24,2 millóns en 2026

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta