Alianza entre Inditex, Hijos de Rivera, a UDC e o MIT pola sustentabilidade no téxtil
As catro entidades colaboran nunha iniciativa internacional de investigación para a conversión dos residuos vexetais xerados na elaboración de cervexa en fibras téxtiles.
Reunión entre investigadores do CITIC da UDC e do MIT sobre o proxecto para transformar residuos do lúpulo en materiais sostibles / UDC
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) suma forzas con Inditex, o MIT e Cosecha de Galicia (pertencente á Corporación Hijos de Rivera) para o seu novo proxecto. As catro entidades integran unha iniciativa internacional de investigación que busca determinar se os residuos vexetais xerados polo lúpulo na elaboración de cervexas se poden converter en materias primas para a fabricación de fibras téxtiles ou tintes naturais.
O proxecto está financiado por Inditex a través do MIT-Spain Inditex Circularity Seed Fund, un programa promovido pola compañía en colaboración co Massachusetts Institute of Technology (MIT). O equipo investigador do CITIC está formado por Salvador Naya, Javier Tarrío Saavedra e Erika Francesch Domenech, mentres que por parte do MIT participa o investigador Emery Brown, que foi nomeado honoris causa pola UDC. Os investigadores mantiveron este xoves, 23 de xullo, unha reunión de traballo para programar as primeiras fases da investigación.
O proxecto leva por título Circular Innovation: Hop-Derived Fibers and Eco-Dyes for Sustainable Téxtiles/Téxtís e explorará novas vías para valorizar os residuos xerados pola industria cervexeira “mediante o desenvolvemento de materiais téxtiles sostibles a partir de follas e talos de lúpulo”, detallou o centro investigador.
Neste senso, as primeiras fases estarán centradas en analizar o seu potencial como materia prima para este sector, tanto dentro do posible uso das súas fibras como na obtención de tintes naturais. Precisamente, o plantexamento do que parte é que, cada ano, o cultivo e procesamento do lúpulo xera unha “importante cantidade de restos vexetais” que, “na súa maior parte, carecen de aproveitamento”.
Deste modo, o equipo investigador identificará os compostos con potencial para aplicacións téxtiles, desenvolverá prototipos experimentais e avaliará o seu comportamento e o seu impacto ambiental fronte a materiais convencionais, co fin de analizar a súa viabilidade técnica e industrial.
A repartición de tarefas
Este proxecto reúne “capacidades complementarias do ámbito académico e empresarial”, segundo incidiu a UDC. O MIT achegará a súa experiencia en materiais avanzados e análise estatístico, mentres que Cosecha de Galicia facilitará o acceso á materia prima e colaborará na validación dos desenvolvementos.
Por outra banda, Inditex, que fai posible a financiación da iniciativa, participará ademais na avaliación industrial dos novos materiais para analizar o seu potencial de aplicación no sector téxtil.