Altri non se rende e presenta un informe de Bureau Veritas como aval ao seu proxecto en Palas de Rei
O informe, que apunta a que o proxecto non causará un prexuízo significativo ao medio ambiente, é un requisito necesario para acceder a financiamento europeo; a compañía asegura que o último informe pendente é a autorización ambiental integrada da Xunta.
Recreación da fábrica de Altri de pasta celulósica e fibras téxtiles proxectada para Palas de Rei. Greenfiber
Altri segue dando pasos para a súa implantación en Palas de Rei cando o proxecto parece ter descarrilado pola falta de conexión eléctrica e polo seu arquivo como Proxecto Industrial Estratéxico, procedemento que iniciou a Xunta e contra o que alegou a compañía portuguesa. Mentres iso se resolve, a pasteleira lusa recibiu un novo informe que exhibe como aval ambiental á iniciativa.
Nun comunicado, a compañía indica que a planta proxectada por Greenfiber na localidade lucense foi avaliada por Bureau Veritas mediante un informe “da validación independente de cumprimento do principio DNSH (‘Do No Significant Harm’ ou ‘Non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente’), un “requisito esixido pola Unión Europea para o acceso a financiamento vinculado aos fondos europeos”.
Unha vez superada esta avaliación, argumenta, só queda pendente a resolución da autorización ambiental integrada da Xunta, “coa que se completaría a emisión da totalidade de informes ambientais posibles para este proxecto”. Esta autorización vai da man da consideración de Proxecto Industrial Estratéxico, polo que non pode saír adiante se progresa o arquivo contra o que alegou Altri.
A avaliación de Bureau Veritas
A empresa indica que o informe foi elaborado por Bureau Veritas Inspección e Testing “mediante unha avaliación independente baseada na guía técnica de aplicación do principio DNSH da Comisión Europea”. “Dito informe conclúe que, no ámbito da avaliación realizada, é plausible considerar que o proxecto non vai causar un prexuízo significativo sobre os seis obxectivos ambientais establecidos pola normativa europea: mitigación do cambio climático, adaptación ao cambio climático, uso sostible e protección dos recursos hídricos e mariños, economía circular, prevención e control da contaminación e protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas”, resalta.
Mitigación do cambio climático
O informe “destaca especialmente a capacidade do proxecto para reducir de forma significativa as emisións de gases de efecto invernadoiro respecto aos sistemas convencionais de produción téxtil e celulósica”. Engade que entre os principais indicadores avaliados figuran un aforro estimado do 99% de emisións de GEI na produción de lyocell, unha redución do 93% de emisións no proceso integrado DWP-Lyocell, a “autosuficiencia enerxética da planta a partir do excedente de produción de celulosa, sen necesidade de subministración adicional de electricidade ou gas natural” e a eliminación de combustibles fósiles no proceso produtivo.
Adaptación ao cambio climático
Altri di que “o informe destaca que o proxecto incorpora medidas específicas de adaptación e resiliencia fronte aos riscos derivados do cambio climático”. Entre elas, menciona o deseño das plantas de tratamento de auga e efluentes “tendo en conta posibles escenarios futuros de secas ou inundacións”, a construción de tres balsas de emerxencia destinadas a “absorber picos de caudal en situacións extraordinarias ou de emerxencia”.
Protección dos recursos hídricos
O informe –sempre segundo Altri– “subliña as medidas de eficiencia hídrica e reutilización de auga incorporadas ao deseño industrial”. Neste sentido, apunta ao “obxectivo” de redución estimada do 91% no consumo de auga fronte a procesos convencionais, á implantación dunha Planta de Tratamento de Auga e unha Planta de Tratamento de Augas Residuais Industriais, sistemas de reutilización e recirculación de auga entre procesos produtivos.
Economía Circular
Bureau Veritas, segundo Altri, “identifica a economía circular como un dos piares do proxecto GAMA: a integración de procesos para maximizar a eficiencia enerxética e minimizar residuos, a valorización enerxética do ‘licor negro’, subproduto do proceso de celulosa, para xerar enerxía térmica e eléctrica, o aproveitamento de subprodutos e residuos industriais”.
Prevención da contaminación
Acerca da prevención e control da contaminación, a reivindicada “validación” do informe “resalta”, segundo Altri, que, “para minimizar a posible afectación á calidade do aire e as posibles molestias asociadas á emisión de cheiros, o proxecto deseñouse tendo en conta as MTD (Mellores Técnicas Dispoñibles) europeas”. E cita “a eliminación do disulfuro de carbono na fabricación de fibras, sistemas avanzados de control e tratamento de emisións atmosféricas e efluentes líquidos”.
Protección dos ecosistemas
Por último, no referente á protección da biodiversidade e os ecosistemas, “Bureau Veritas conclúe que o proxecto incorpora medidas preventivas para evitar afeccións sobre espazos naturais e hábitats protexidos”. Así, Altri refírese ao “uso de vías existentes e subterráneas na ZEC da Serra do Careón, restauración da biodiversidade e os ecosistemas cumprindo coa normativa da UE”.