A chinesa SAIC apunta aos terreos de Amper en Ferrol para a súa fábrica europea de coches
O porto exterior de Ferrol é a ubicación preferida para a primeira planta de ensamblaxe en Europa de MG, a marca chinesa máis vendida no continente, propiedade de SAIC Motor.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, durante un encontro con directivos de SAIC en China, dentro da súa xira para dar a coñecer as oportunidades de investimento en Galicia. Foto: Xunta
O grupo automobilístico SAIC Motor ten a vista posta en Galicia, concretamente, en Ferrol. O porto exterior é a ubicación favorita do fabricante para situar a primeira planta europea de vehículos de MG, a marca do país asiático máis vendida na Unión Europea. A instalación de SAIC en Ferrol, con todo, ten algún inconveniente, pois apunta aos terreos onde Amper desenvolve a planta de Windwaves (antiga Nervión), enfocada á eólica mariña.
Segundo avanzou La Tribuna de Automoción, hai conversas avanzadas entre a compañía e a Xunta para axustar a dispoñibilidade dos terreos. O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, mantiveron un encontro co grupo automobilístico durante a súa viaxe a China. Un dos obxectivos de tan longa viaxe era, precisamente, atraer investimentos do sector da automoción cara a Galicia e SAIC, que xa explorara terreos na comunidade no pasado, era un candidato claro. Os directivos do grupo levan tempo planificando o desembarco en Europa para consolidar a expansión ante o crecemento das vendas. MG pechou 2025 con 300.000 matriculacións no Vello Continente.
SAIC interesouse no pasado por Narón e por As Pontes, onde todo apunta a que naufragará o proxecto dunha fábrica de pneumáticos de Sentury Tire, unha vez que o tamén fabricante chinés priorizou o desenvolvemento das súas novas instalacións en Marrocos. Segundo o medio especializado, Ferrol é a favorita para a planta de MG, unha vez descartada Hungría.
¿E que pasa con Amper?
O principal obstáculo é que os terreos elixidos no porto exterior de Ferrol están concedidos actualmente a Windwaves, do grupo Amper. A compañía que preside o exministro de Defensa Pedro Morenés pretende apuntalar o seu pólo industrial en Galicia cunha planta dedicada á eólica mariña e que podería estar lista en 2027, coa perspectiva dun aumento da demanda neste sector a partir de 2028. Así o explicaba recentemente o grupo que dirixe Enrique López, gran contratista de Navantia en renovables e construción naval, no seu Capital Markets Day.
Hai unhas semanas mesmo se anunciou o comezo das obras, coa colocación da primeira pedra, pero esta acción foi suspendida e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse aos poucos días en Santiago cos responsables desta empresa.
Capacidade de 120.000 vehículos
En canto ao plan produtivo, La Tribuna da Automoción apunta a unha primeira fase cunha capacidade próxima ás 120.000 unidades anuais. Os compoñentes chegarían en contedores desde China e serían ensamblados en Ferrol, por iso a importancia de realizar a planta na zona portuaria. Polo momento, nin a Xunta nin a compañía asiática confirmaron oficialmente o acordo.