E-Kletta, a ‘startup’ galega que ve na mobilidade sostible a súa oportunidade de negocio.

A compañía, que comezou a súa andaina en 2022, ofrece un servizo de rutas guiadas, iniciativa que resultou beneficiaria na última edición do Plan Social de Ence.

bicicletas de la empresa e-kletta

En 2023 a Asemblea Xeral da ONU proclamou oficialmente o 26 de novembro como o Día Mundial do Transporte Sostible, co obxectivo de concienciar e fomentar o uso de alternativas de mobilidade máis ecolóxicas. Segundo datos das Nacións Unidas, o transporte representa aproximadamente unha cuarta parte das emisións globais de gases de efecto invernadoiro. A organización entende a mobilidade sostible non só como un pilar para impulsar o desenvolvemento económico e social, senón tamén como unha ferramenta clave na loita contra o cambio climático.

O transporte sostible forma parte esencial da Agenda 2030 das Nacións Unidas, integrándose de maneira explícita en varios Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). En particular, o ODS número 11 –Cidades e comunidades sostibles— inclúe unha meta que insta a “proporcionar sistemas de transporte seguros, accesibles, asequibles e sostibles para todos, con especial atención a colectivos vulnerables”. Tamén figura no ODS 13 –Acción polo clima– no que subliña a necesidade de reducir a pegada ambiental do sector do transporte.

A Unión Europea tamén asumiu obxectivos ambiciosos para reducir as emisións do transporte, que deberán diminuír un 90% respecto aos niveis de 1990, segundo o establecido na súa estratexia para alcanzar a neutralidade climática en 2050, o coñecido Pacto Verde Europeo (European Green Deal). A iso habería que sumar o chamado paquete “Obxectivo 55”, un conxunto de propostas lexislativas da UE para reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro en polo menos un 55 % para 2030.

A nivel estatal, a mediados de novembro o Congreso dos Deputados deu luz verde ao proxecto de Lei de Mobilidade Sostible que busca, entre outras cousas, transformar e modernizar o modelo de transporte español con propostas como o impulso á electrificación de trens, portos e aeroportos; a supresión dos voos curtos domésticos con alternativas ferroviarias ou a implantación dun mecanismo de financiamento estatal para o transporte público urbano.

Porén, a sostibilidade non é só unha meta global ou europea, tamén é unha realidade local, e Galicia non é unha excepción. Nesta liña, a Estratexia Galega de Mobilidade (EGM) propón un modelo de transporte máis funcional, seguro e respectuoso co medio ambiente.

Este impulso cara a unha mobilidade máis sostible non só responde a compromisos lexislativos, senón tamén a iniciativas empresariais. En Galicia, algunhas empresas detectaron oportunidades de negocio neste tipo de transporte. É xustamente neste contexto onde nace E-Kletta, unha firma fundada en 2022 que incorpora a bicicleta como alternativa viable, ecolóxica e rendible, plantexando un exemplo concreto de como a sostibilidade no transporte pode traducirse en modelo empresarial.

O negocio de E-Kletta

A empresa, que resultou beneficiaria na última edición do Plan Social de Ence, dedícase ao aluguer de bicicletas, principalmente eléctricas, ademais de ofrecer un servizo de rutas guiadas. “Sempre traballamos en grupos reducidos, cun máximo de oito persoas ou así. Intentamos dar un trato máis próximo e unha atención personalizada”, explica a Economía Dixital Galicia Manuel Freire, un dos dous socios de E-Kletta.

Co apoio do Plan Social de Ence conseguiron mellorar o servizo de rutas guiadas. “Antes os clientes chamábanos e dicíannos o día que querían ir de ruta. Agora, con este proxecto, xa organizamos nós días concretos, e ampliamos á zona de Marín, que non traballabamos moito”.

Manuel Freire, socio fundador de E-Kletta
Manuel Freire, socio fundador de E-Kletta

A edición do ano pasado foi a segunda á que se presentaron e na que resultaron beneficiarios do programa de Ence. “Para nós é moi importante que unha entidade como Ence nos dea recursos, que nós aproveitamos para poder adquirir máis bicicletas eléctricas. Grazas a iso somos accesibles para un número maior de xente”.

Unha das claves do seu negocio é o servizo de entrega e recollida de bicicletas: os clientes indícannos onde queren a bicicleta e eles achéganlla. “Desde que abrimos, un dos puntos máis peculiares da nosa empresa é que non temos ningún local físico, somos nós os que, coa furgoneta, nos desprazamos por toda a comarca de Morrazo”. 

Maior conciencia sobre mobilidade sostible

Freire considera que nos últimos anos hai unha maior conciencia na poboación sobre a mobilidade sostible. “Cando comezamos en 2022 abrimos o negocio porque víamos como todo tiña que avanzar cara este tipo de mobilidade”. Segundo sinala, hai anos a bici era “algo moi usado”, aínda que parece que despois se “deixou un pouco de lado”.

“Agora a xente volve querer usar a bicicleta, incluso para o desprazamento do día a día, para ir ao traballo… Sí notamos ese cambio, volve a haber un pouco de iniciativa para moverse con ela”.

Sobre os plans de futuro, en E-Kletta queren continuar impulsando o proxecto que comezaron hai tres anos. “Por agora somos unha empresa pequena na que priorizamos dar unha atención de moita calidade e próxima. Sabemos que se ocupamos máis territorio igual temos máis posibilidades, pero a prioridade por agora é dar un trato de calidade e seguiremos centrados na comarca de Morrazo”.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta