Actualizado
Gestán roza os 39 millóns de facturación e sube a súa aposta pola economía circular
O grupo con sede en Arteixo disparou os seus ingresos nun 11,8% en 2025 e avanza en novas liñas de traballo vinculadas á economía circular e os biocombustibles
Nova empuxada de Gestán á súa conta de resultados. A compañía con sede en Arteixo comunicou este xoves que pechou o seu exercicio fiscal de 2025 cunha facturación de 38,8 millóns de euros. Trátase dun avance do 11,8% respecto aos 34,7 millóns obtidos o ano anterior e que certifica o camiño de crecemento que vén seguindo o grupo nestes últimos anos.
A empresa reivindica que reforzou “a súa actividade en valorización de residuos, produción de materias primas secundarias e enerxía renovable, orientando parte da súa estratexia a explorar novas aplicacións industriais para os materiais recuperados, co obxectivo de ampliar a súa achega á economía circular dende unha perspectiva cada vez máis tecnolóxica e eficiente”.
Gestán recalca “a súa aposta pola valorización como eixe central do seu modelo de actividade” e pon en valor a súa xestión dun total de 318.202 toneladas de residuos no conxunto das súas instalacións. As plantas de Santa Icía e Nostián trataron 117.849 toneladas de residuos industriais, cunha recuperación do 82%, o que permitiu a produción de 65.157 toneladas de áridos reciclados, un 36% máis que en 2024. A estas cantidades súmanse outras 16.465 toneladas de astilla reciclada e poda, o que supón un incremento do 150% respecto ao exercicio anterior.
“A esta evolución súmase a consolidación da liña de biocombustibles. En 2025, Gestán distribuíu 26.000 toneladas de pélet, destinadas tanto a sistemas de calefacción residencial como a procesos industriais e comunitarios, contribuíndo á descarbonización térmica e á dinamización da economía rural vinculada á biomasa”, subliña a firma.
En este sentido, Luz Pardo, CEO do grupo arteixán, precisa que “os datos de 2025 mostran unha evolución coherente coa estratexia industrial do grupo, centrada en consolidar a actividade, optimizar procesos e avanzar de forma gradual en novas liñas de traballo vinculadas á economía circular, coa mirada posta en reforzar a solidez do modelo e abrir novas oportunidades industriais a medio prazo”.
A aposta de Gestán pola innovación
Ademais de acadar un novo salto en termos de facturación, a compañía aprofundou na súa aposta pola innovación co obxectivo de identificar e aproveitar novas oportunidades de negocio. “En colaboración con centros de Formación Profesional, Gestán impulso un reto orientado a investigar usos alternativos para subprodutos de orixe forestal. Entre as propostas analizadas destaca o desenvolvemento de elementos biodegradables de protección vexetal fabricados a partir de madeira, unha solución actualmente en fase de avaliación que podería abrir novas aplicacións en sectores como o forestal, o agrícola e a xardinería”, sinala a firma a través dun comunicado.
Neste tamén menciona o proxecto Estrada, que “avanza cara á validación en entorno real de materiais procedentes de residuos plásticos complexos para a súa incorporación en mesturas bituminosas, un paso relevante na integración de residuos de difícil reciclaxe dentro de solucións para infraestruturas”.
A estes esforzos súmase o de Gestán Conteco como empresa tractora na aceleradora BF Climatech, o que permitiu explorar novas vías para a valorización de residuos de placas de xeso laminado, con resultados técnicos prometedores en fase piloto e potencial de escalado industrial.
Estas actuacións enmárcanse dentro do Plan de Transformación Dixital 2025–2027, que pon o foco na mellora da trazabilidade dos procesos, a automatización de tarefas operativas e a facilitación da toma de decisións baseada en datos. “A incorporación progresiva de ferramentas dixitais e intelixencia artificial busca reforzar a eficiencia operativa, optimizar recursos e mellorar a capacidade de adaptación do grupo nun entorno industrial cada vez máis esixente”, subliña a entidade.
Segundo Luz Pardo,”a dixitalización non é un fin en si mesma, senón unha ferramenta clave para facer a nosa industria máis eficiente, máis áxil e mellor preparada para responder a un entorno regulador e operativo cada vez máis complexo. Apostar polos datos e a automatización permítenos tomar mellores decisións e reforzar a competitividade do grupo a longo prazo”.