A mina de Doade cumpre catro meses de xudicialización tras ser declarada estratéxica por Bruxelas
O Tribunal de Xustiza Europeo (TXUE) ten como único asunto pendente de resolver o recurso presentado por Ecologistas en Acción no que reclama a anulación da resolución coa que Bruxelas considera estratéxico este proxecto promovido por Samca.
Proxecto para a mina de litio de Doade en Beariz (Ourense) / Samca
A consideración da mina de Doade como proxecto estratéxico segue na mesa do Tribunal de Xustiza Europeo. O TJUE analiza desde hai catro meses esta causa iniciada por Ecologistas en Acción, que pide a anulación deste respaldo que a Comisión Europea deu na súa día a este xacemento e a outros cinco en España (Las Navas, Almoharín, Aguablanca, Las Cruces e El Moto).
Segundo a axencia Europa Press, o da mina de Doade (promovida por Samca a través de Recursos Naturais de Galicia) é o único asunto que se atopa pendente de resolver por parte do TJUE. O tribunal resolveu recentemente outro recurso presentado por ClientEarth, que se iniciou debido a que a Comisión Europea “non respondeu” a unha solicitude de acceso a documentación, que en primeiro lugar se realizou pola vía administrativa. “Durante o procedemento, a Comisión enviounos unha resposta, polo que o obxecto da reclamación deixou de existir”, sinalou a ONG en declaracións a Europa Press.
Dado que a súa queixa versaba sobre “a falta de resposta” da Comisión e esta “finalmente se produciu”, o asunto quedou arquivado no rexistro do TJUE, pero esta ONG non tiña recurrido como tal o estatus de proxecto estratéxico concedido á mina de Doade, como erradamente informou Europa Press o pasado venres.
“O caso retirado non trata sobre o contido da resposta da Comisión; tratouse esencialmente dun paso formal que demos para conseguir dita resposta”, matiza esta ONG, que si abriu outra causa baseada nesta, pero que nesta ocasión só involucra á Mina do Barroso, en Portugal. Ademais, ClientEarth aclarou que, nestes momentos, non ten ningunha outra aberta que implique á Mina Doade.
Ofensiva de Ecologistas en Acción
Por outra banda, Ecologistas en Acción si cuestionou a selección deste e outros como proxectos estratéxicos, utilizando a vía administrativa en primeiro lugar. “O problema é que a Comisión Europea, mesmo aos propios eurodeputados, non facilitou información”, indicou o portavoz da entidade en Galicia, Cristóbal López.
Neste sentido, a organización lembra que, aínda que non é o caso da de Beariz, outras minas estiveron en funcionamento e algunha conta con “graves antecedentes de ilegalidade ambiental”. O procedemento utilizado inicialmente foi o de petición de revisión interna, usado tamén por outras entidades europeas en relación cos proxectos seleccionados nos seus países. “Lamináronnos a nós e a todas as [entidades] que ían con nós”, valorou López.
Unha vez esgotadas todas as posibilidades pola vía administrativa, a organización presentou un recurso contencioso-administrativo ante o TJUE en febreiro deste ano. Este pide anular a decisión da Comisión que desestimou a solicitude de revisión interna da selección destes proxectos e, ao mesmo tempo, directamente anular a súa catalogación como estratéxicos.
Na súa exposición de motivos, a entidade ecologista invoca dous. Por unha banda, critica que “condicione” a análise de sustentabilidade dos proxectos ás avaliacións dos Estados membros onde se planean os mesmos. Considera isto “un erro manifesto de dereito ao reducir a ‘avaliación xeral’ esixida” a “unha mera revisión superficial das solicitudes”.
Ao xuízo de Ecologistas en Acción, esta situación “desvirtúa” o propósito do procedemento de avaliación e “contradí” a xurisprudencia do propio TJUE, a cal obriga á Comisión a considerar “todos os elementos pertinentes e dispoñibles” e a basear as súas decisións en probas “exactas, fiables, completas e suficientes”.
En paralelo, desde a organización culpan á Comisión de cometer outro erro baseado en “restringir o dereito a unha decisión motivada unicamente aos destinatarios formais (os promotores dos proxectos), excluíndo ao público interesado”.
“Este plantexamento infrinxe o carácter universal do dereito a unha boa administración, á natureza pública dun acto publicado no Diario Oficial da Unión Europea e ao interese lexítimo amplo para o público, especialmente as ONG, en actos ambientais recoñecidos no Convenio de Aarhus e no Dereito ambiental da Unión Europea“, defende o texto do recurso interposto.