O contrato de 55 millóns dos helicópteros do Sergas, no xulgado
A Xunta suspende o procedemento de recepción de ofertas por un recurso xudicial contra os prazos despois de que algunhas empresas se queixaran das condicións esixidas.
A Xunta autorizou a contratación por 55,6 M€ do servizo de transporte sanitario urxente aéreo / Xunta
O concurso para renovar o contrato dos helicópteros de emerxencias do Sergas, as dúas aeronaves con base en Santiago e Ourense, tropaza nada máis comezar. A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a entidade que licita o contrato, acaba de suspender o procedemento antes de que concluíse o prazo para a recepción de ofertas. Adoptou esta resolución tras recibir un oficio do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra este mesmo luns no que o tribunal lle solicita a documentación do procedemento de contratación para poder resolver un recurso contra os prazos do concurso. Dicho doutra maneira, unha empresa recorreu contra os prazos, o que obrigou á Xunta a parar temporalmente o procedemento de contratación ata que os tribunais resolvan.
A empresa que presta actualmente o servizo é Eliance, que continuará operando os dous helicópteros ata que haxa un novo adxudicatario. O novo contrato licitouse cun orzamento de 55,6 millóns para os próximos oito anos. A principal novidade respecto aos concursos anteriores é a previsión de contar cunha aeronave operativa en servizo nocturno, que sería a que ten base en Santiago. Este servizo habilitaríase a partir do vixésimo mes desde que entre en vigor o novo contrato e conlevará un incremento das horas efectivas, o que explica tamén o relevante incremento na partida destinada pola Xunta aos helicópteros, de 4,3 a 7 millóns anuais.
Porén, as esixencias dos prazos xeraron descontento entre as empresas, ata o punto de acabar nos tribunais, algo que xa se traslucía nos contactos previos coa Xunta. “Resulta evidente que algúns requisitos son atribuíbles de maneira unívoca a un fabricante específico e a unha determinada configuración industrial, co risco de excluír a operadores económicos capaces de ofrecer aeronaves plenamente idóneas”, dicía unha das empresas nunha pregunta á Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia, deslizando que o contrato podería estar dirixido cara un operador concreto.
Na súa resolución, a fundación do 061 explica que o recurso pretende que as condicións técnicas previstas no concurso sexan menos estritas. Así, tras decretar a suspensión do prazo para a presentación de ofertas, o documento asinado por Román Gómez Vázquez, director da fundación, indica que se fai sen “prexuízo de que os licitadores que cumpran coas condicións técnicas establecidas, con independencia do resultado xudicial, poidan seguir preparando as súas ofertas, pois a impugnación presentada, no caso de prosperar, non impediría que ningunha das empresas que estivesen en disposición de cumprir as características técnicas sinaladas no PPT a día de hoxe puidesen presentarse, xa que o recurso pretende que se modifiquen sen ser menos restritivas que as que existen actualmente”. “No caso de que se admitise a pretensión da recorrente podería implicar unha maior concorrencia, nunca menor”, conclúe a resolución.