Actualizado
O presidente de Zegona que comprou R e Vodafone ten á vista un super bonus de 460 millóns
A revalorización das accións do fondo británico tras a compra de Vodafone España incrementou o valor do paquete accionario de Eamonn O’Hare de 141 millóns a 460 millóns.

Eamonn O’Hare, presidente de Zegona y exconsejero de Euskaltel
O de Eamonn O’Hare é un nome con especial protagonismo na historia recente do sector das telecomunicacións deste país. O actual presidente de Zegona tamén o era cando se pechou a compra da firma galega R por parte de Euskaltel en 2015 por 1.190 millóns e cando, seis anos máis tarde, a compañía vasca pasou a formar parte do grupo Másmóvil. Tras a compra de Vodafone España, operación que se pechou en maio do ano pasado, O´Hare aspira a un bonus que superaría os 400 millóns de euros.
O fondo británico conta cun plan de incentivos para os directivos, polo que Eamonn O’Hare recibiu 34 millóns de accións, e que consiste en distribuír unha remuneración do 15% da revalorización da compañía. Segundo establece dito plan o presidente corresponderíalle o 59% dese incentivo mentres que para o director de operacións, Robert Samuelson, iría un 30%. O outro 11% repartirase entre un grupo de directivos que a compañía non especifica.
Tal e como publica El País, o prezo por título cando o presidente recibiu o paquete accionarial ascendía a unhas 3,57 libras, uns 4,29 euros ao cambio.
Tras a compra de Vodafone España as accións de Zegona revalorizáronse ata subir por encima das 11 libras (12,73 euros), polo que o valor da participación de Eamonn O’Hare pasaría dos 122,30 millóns de libras (141,48 millóns de euros) aos 397,41 (459,74 millóns de euros).
Tamén é substancioso o bonus que recibiría Samuelson no caso de que, ao igual que Eamonn O’Hare, decidise vender a súa participación. O director de operacións recibiu na mesma data que o presidente máis de 16 millóns de accións por un valor de 57,69 millóns de libras (66,73 millóns de euros) cuxo valor en base á cotización actual dos títulos ascendería aos 187,45 millóns de libras (case 217 millóns de euros).
Compra de Vodafone
A finais de maio de 2024 o fondo culminou o proceso de compra do negocio de Vodafone en España, unha operación valorada en 5.000 millóns de euros. A operación pechouse tras recibir a autorización do Consello de Ministros. O por entón titular de Transformación Dixital e Función Pública, José Luís Escrivá, sinalou que “a empresa autorizada comprometeuse a un plan a medio prazo de investimentos no ámbito das telecomunicacións, tanto no ámbito fixo como no móbil, e, ademais, a manter en todo momento unha solvencia financeira elevada”.
Zegona comprou case Vodafone España, o único activo que posúe, case en totalidade a través de préstamos bancarios e co apoio do propio grupo Vodafone. Ao peche do seu último exercicio, no que perdeu 439 millóns, a débeda do fondo ascendía a 3.715 millóns de euros, que tivo que refinanciar ata en tres ocasións.
A adquisición de Vodafone tamén supuxo o desembarco de José Miguel García, ex de Jazztel, como conselleiro da compañía, mesmo cargo que ocupaba en Euskaltel, dona da galega R, cando o fondo a vendeu por uns 2.000 millóns ao grupo MásMóvil, que o ano pasado fusionouse con Orange dando lugar ao grupo MásOrange.