Óscar García Maceiras: “Estamos moi satisfeitos con Zara e coa súa relevancia no mundo máis alá da moda”
O conselleiro delegado de Inditex defende a Zara como gran motor de crecemento e rendibilidade do grupo a pesar de que en 2025 foi a cadea que menos medrou en vendas, cun incremento de menos do 1%.
Óscar García Maceiras, conselleiro delegado de Inditex, durante a presentación de resultados do grupo / ED
Zara, a enseña estrela de Inditex, foi, de todas as cadeas do grupo, a que rexistrou un menor incremento de vendas no exercicio 2025. Non alcanzou o 1%, a pesar de que, iso si, a súa cifra de negocio representa o 70% dos ingresos do grupo. O conselleiro delegado do xigante de Arteixo, Óscar García Maceiras, desbotou unha desaceleración da marca indicando que estaban “moi satisfeitos” con todos os seus formatos comerciais. No caso da cadea histórica, que o ano pasado cumpriu 50 anos, asegurou que “non é só unha cuestión de éxito das coleccións, senón a relevancia de Zara nun mundo máis alá da moda”.
En calquera caso, Maceiras concedeu que Zara, debido á súa maior presenza global, non comparable con ningunha outra marca do grupo, está máis exposta a determinados impactos, como os tipos de cambio. Rechazou tamén, na rolda de prensa ofrecida aos medios tras a presentación de resultados anuais, que o menor ritmo de crecemento poida deberse á súa evolución nos últimos anos, nos que tende máis a unha marca que coquetea nalgunhas das súas coleccións co luxo asequible. “Non hai que perder de vista que as súas vendas medraron máis de 8.000 millóns nos últimos anos. É o motor do grupo en vendas e rendibilidade”, insistiu.
“A exposición é diferente e Zara é a marca máis internacionalizada e en determinados mercados houbo un impacto de divisa, pero reitero que estamos satisfeitos en canto aos números como en seguir gañando unha relevancia que transcende ao mundo da moda”, expuxo.
De Zara Home a Lefties
Na información que comunica ao mercado, Inditex inclúe nos resultados particulares de Zara os de Zara Home e Lefties, a enseña máis low cost do grupo, en pleno período de expansión. García Maceiras non deu datos sobre as cifras da compañía, pero destacou que a aposta é a do seu crecemento. “Lefties forma parte do grupo e leva case 15 anos desenvolvendo coleccións propias xunto cunha nova liña de Lefties Home. Ata hai uns anos estaba presente en España e en menor medida en Portugal, pero apostouse polo seu crecemento. Agora tamén está presente en Turquía, Romanía e Italia e este ano en Francia, con dúas tendas, e outras tres en Reino Unido. Como no resto de marcas apostamos por aperturas selectivas”, declarou.
O número dous de Marta Ortega indicou que a estratexia comercial seguirá apostando polo incremento da superficie comercial con menos tendas. Ante a incerta situación global, insistiu en que a gran fortaleza de Inditex está na “flexibilidade” do seu modelo de negocio. “Temos máis de 700 deseñadores capaces de reaccionar con facilidade ante calquera nova tendencia, pero tamén temos flexibilidade na cadea de subministración que nos permite reaccionar ante calquera cambio, mesmo durante a campaña, e grazas ao noso sistema loxístico cada vez somos máis precisos”, expuxo. “Queremos seguir sendo unha empresa nova. Canto máis avanzamos, máis amplo é o noso horizonte”, resolveu.
Doutra banda, Maceiras quixo destacar o crecemento do mercado español, cun incremento de vendas dun 9%, por riba do conxunto do grupo.