Taboada e Ramos, Covsa e Comsa prolongarán a Autovía da Costa da Morte tras a exclusión de Copasa e Dragados
A mesa de contratación propón adxudicar o contrato á UTE liderada por Taboada e Ramos tras rexeitar os argumentos de Copasa, que obtivo a mellor valoración no concurso pero incorreu en temeridade na oferta.
Proxecto para a prolongación da Autovía da Costa da Morte / Xunta
A UTE formada por Taboada e Ramos, Covsa e Comsa faise coas obras de prolongación da Autovía da Costa da Morte, un contrato de algo máis de 33 millóns. A alianza formada polas dúas construtoras galegas, que xa executaron os primeiros 27 quilómetros da vía, e pola empresa catalana Comsa, impónse no concurso tras obter a segunda mellor valoración técnica e presentar a terceira oferta máis baixa entre as que non incorreron en temeridade, cun desconto do 7,4% sobre o orzamento de licitación. Unha vez proposta a adxudicación por parte da mesa, será a Axencia Galega de Infraestruturas a que formalice o contrato, para o que deberá requirir nova documentación ás adxudicatarias.
A vitoria de Taboada e Ramos, Covsa e Comsa prodúcese tras as exclusións de Copasa e Dragados, a filial de ACS. A máis relevante é a do grupo ourensán, pois conseguiu a mellor valoración técnica para realizar as obras e presentou unha oferta económica máis baixa que a UTE gañadora. Con todo, dita oferta incorreu en temeridade por un marxe estreito, pois ofreceu un desconto do 9,3% cando o máximo para non ser considerado temerario era do 9,17%.
A compañía que preside José Luis Suárez defendeu que a experiencia, a optimización de custos e a súa implantación en Galicia lle permitían realizar as obras “en condicións de calidade e prazo” a eses prezos, asegurando ademais que “son os habituais na zona”. Con todo, a mesa non atendeu estes argumentos e mantivo a exclusión, o que derivou na adxudicación a Taboada e Ramos, Covsa e Comsa.
Tampouco gañan Sacyr, OHLA ou San José
A ampliación da autovía permitirá conectar os case seis quilómetros de distancia entre Santa Irena, no concello coruñés de Vimianzo, e a estrada AC-432, que comunica con Camariñas. A actuación conlevará a construción de dous enlaces e a previsión dun terceiro, tres viadutos, seis pasos superiores, tres pasos inferiores e seis obras de drenaxe. O prazo de execución é de tres anos.
Optaron ao contrato 23 empresas agrupadas en 11 ofertas. Ademais de Dragados e Copasa, quedan sen a obra Acciona, que participou en alianza con Canarga; Ferrovial, que presentou oferta en UTE coa coruñesa Construcións López Cao; CRC, a empresa fundada en Ordes que se integrou en Civis Corporation en 2006, en alianza con Amsa (Agustí e Masoliver); Sacyr e a ourensá Extraco; Vías y Construcciones, outra filial de ACS, xunto con Gómez e Reino; OHLA, que formou equipo con XAC e Orega; Constructora San José, a maior empresa galega do sector, que se aliou con Francisco Gómez e Cía; e Grupo Puentes, que optou ao contrato xunto con Seranco e con Prace.