Trison, provedor de Inditex, Abanca ou o Real Madrid, pecha a súa segunda compra do ano
A empresa galega acelera a súa expansión no mercado europeo coa adquisición da alemá InfraStor, que traballou para Volkswagen, Zalando ou o Bayern de Múnic.
A galega Trison compra a empresa alemá InfraStor
Trison crece e consolídase como un dos operadores europeos de referencia na transformación dixital de espazos. A compañía galega, proveedora de Inditex, Abanca, Cortizo ou o Real Madrid — para o que dixitalizou algunhas das áreas do novo Bernabeu–, acaba de adquirir a empresa alemá InfraStor, especializada en tecnoloxía e infraestruturas con amplas capacidades en dixital signage, solucións de edificios intelixentes e servizos IT integrados.
Con sede en Kleinostheim, preto de Frankfurt, InfraStor ten na súa carteira de clientes tamén a grandes grupos, como Volkswagen, Zalando ou o Bayern de Múnic. Trison defende que a operación representa “un fito significativo na estratexia de crecemento internacional” e que Alemaña é un dos mercados “máis avanzados e estratexicamente relevantes” de Europa. Con esta incorporación, a empresa galega pasa a operar con 23 oficinas en 15 países, “fortalecendo aínda máis a súa capacidade para ofrecer solucións integrais end-to-end a gran escala para clientes globais”.
Alberto Cáceres, CEO global de Trison, destacou “a experiencia, o talento e a solidez operativa de InfraStor”, que construíu unha sólida reputación e experiencia en Alemaña que axudará á empresa galega a apuntalar a súa oferta. “Formar parte de Trison representa unha oportunidade ilusionante para InfraStor e o noso equipo,” afirmou Wolfgang Kröner, director xeral de InfraStor. “A combinación da nosa experiencia local coa escala internacional de Trison permitiranos seguir ofrecendo solucións de alta calidade ao tempo que accedemos a novas oportunidades de crecemento e colaboración”, engadiu.

Wolfgang Kröner e Alberto Cáceres / Trison
Segunda compra do ano
Tras a adquisición, InfraStor continuará operando desde a súa ubicación actual, incorporándose o seu equipo ao grupo Trison, que ampliará os seus recursos mediante o acceso ao seu porfolio de servizos, así como o seu alcance internacional. A compañía galega pecha así a súa segunda operación do ano, despois da compra de Zero-In, con sede en Nova York e especializada en solucións tecnolóxicas audiovisuais avanzadas para empresas.
Trison, fundada por Carlos Saavedra, iniciou unha nova etapa a finais de 2023, coa entrada do fondo luxemburgués L-GAM (ligado á monarquía de Liechtenstein) como socio maioritario tras a saída de Portobello. Pero parece seguir cos mesmos principios, crecendo con forza a nivel internacional. As dúas operacións deste ano enmárcanse nese obxectivo, e súmanse á adquisición da malagueña, Yellow Bricks, especializada en fan engagement e xestión audiovisual en eventos deportivos, en setembro de 2024.