Actualizado
O xigante conserveiro Jealsa eleva un 5,6% as súas vendas ata os 825 millóns, coa axuda de Mercadona
O grupo da familia Alonso Escurís, con 3.600 empregados, realizou investimentos en 2025 por valor de 40 millóns, centrando a súa atención na nova planta loxística de Bodión.
Instalacións da conserveira Jealsa en Boiro. Foto: Jealsa Food
Jealsa, o xigante conserveiro con sede en Boiro, volveu medrar o pasado ano. O grupo da familia Alonso Escurís incrementou as vendas en 2025 un 5,6% ata os 825 millóns, segundo informou este venres nun comunicado, fronte aos 781 millóns do exercicio precedente. O grupo destaca que este avance, xunto cun cash flow de 60 millóns, reflicten “a estabilidade e a capacidade da conserveira para manter o crecemento da súa actividade nun entorno económico e sectorial esixente”.
Parte do impulso de Jealsa radica na súa alianza con Mercadona, como gran proveedora de atún. A compañía destaca a súa alianza cos de Juan Roig tanto nos supermercados de España como nos 70 que xa posúe en Portugal, algo que “proporciona previsibilidade ao negocio de Jealsa, favorecendo a súa evolución e capacidade de crecemento”.
Mercados
O ano pasado Europa consolidouse como o gran mercado de Jealsa, ao concentrar o 85% da facturación, abarcando diversos países como España, Italia, Alemaña, Reino Unido, Francia, Portugal e Países Baixos. “O peso desta rexión pon de manifesto a relevancia do mercado europeo dentro da actividade da compañía e a súa integración nunha industria agroalimentaria sometida a elevados requisitos de calidade, seguridade alimentaria, eficiencia e sustentabilidade”, engaden.
Tras Europa destaca a actividade da conserveira en Chile e Brasil, aínda que tamén desenvolve operacións en Estados Unidos, México, Vietnam, Xapón ou Venezuela.
Ano inversor
O pasado foi un ano inversor para Jealsa, cun achegamento de 40 millóns de euros, unha cantidade que se destinou na súa maior parte ao novo centro loxístico de Bodión. “Con capacidade para 26.678 palés, este novo almacén conta con importantes innovacións tecnolóxicas como a utilización de vehículos guiados por raís (RGV) e vehículos guiados automaticamente (AGV) que permiten unha maior axilidade na preparación de pedidos, maior seguridade para os traballadores e unha monitorización en tempo real do 100% da instalación (estado de funcionamento, stocks, capacidade dispoñible…)”, expoñen.
Doutra banda, a compañía resultou beneficiaria do Perte do Mar do Goberno central cunha subvención de cinco millóns de euros, cantidade que supón o 41% da inversión que a compañía acomete no proxecto de automatización do proceso de desconxelado de lombos de atún.
Explica a compañía que o pasado exercicio aportou 55 millóns ás arcas públicas. A contribución fiscal, xunto coa inversión produtiva, o emprego e a actividade xerada para provedores e empresas auxiliares, constitúe unha das principais vías mediante as que a compañía contribúe ao desenvolvemento dos territorios nos que está presente. Esta relación co tecido empresarial contribúe a xerar actividade económica máis alá dos propios centros de traballo da compañía.
Jealsa pechou o exercicio cunha plantilla confirmada por 3.600 profesionais.