A Xunta advirte que «están a caer proxectos renovables cada día por falta de conexión eléctrica»
O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, clausurou o 'II Foro A enerxía que vén' e advertiu da "desaparición de industrias" en Europa pola oposición social e os atrancos administrativos á implantación de novos proxectos de renovables.
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, durante a súa intervención no II Foro A enerxía que vén, organizado por Economía Dixital Galicia / Pablo Ares Heres
Nicolás Vázquez puxo o broche de ouro á segunda edición do Foro A enerxía que vén. O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Xunta de Galicia foi o encargado de clausurar este evento organizado por Economía Dixital Galicia e durante a súa intervención abogou polo diálogo e o consenso para abordar o proceso de transición enerxética.
“Estes actos son imprescindibles nun momento como o actual”, subliñou Vázquez. “Sen enerxía, as sociedades non poden evolucionar”, recalcou, antes de advertir do “perigo” que supoñen as “posturas radicais ou os dogmatismos” que “terxiversan a realidade”. “Falta moita información e formación. O que se está a facer é trasladar información errónea por parte de certos colectivos ou entidades”, lamentou o representante da Xunta.

“Cando hai xente que se opón absolutamente a todo é totalmente incompatible acender a luz ou conectar o frigorífico”, censurou. “Hai que facer un chamamento á responsabilidade daqueles que representan entidades, colectivos, partidos ou gobernos que teñen que tomar decisións. Nós desde Galicia estamos nunha posición de xeración renovable boa, pero é imposible cambiar a curto ou medio prazo o consumo enerxético se non somos capaces de poñernos de acordo para o desenvolvemento de redes eléctricas e de centrais de xeración”, explicou.
“Hai entidades que terxiversan as cuestións, que non queren plantas de biogás, nin eólica terrestre, nin eólica off shore. Non me vale nada e poño á xente en contra da evolución. Xogan con que a poboación non ten por que coñecer como funciona o mundo da enerxía”, precisou.
Deberes para as administracións públicas
Sobre este punto, Nicolás Vázquez puxo deberes ás administracións á hora de establecer un marco regulatorio estable e realista para que florezan proxectos renovables. O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético puxo como exemplo o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC 2023-2030) que, ao seu xuízo, é “imposible de cumprir”. “Xa se sabía cando se aprobou e agora é xa ciencia ficción”, criticou.
“Os gobernos somos capaces de escribir o que sexa sen poñernos vermellos. É algo nefasto para a sociedade. Sobre todo cando son representantes políticos os que marcan as directrices”, espetou.
Respecto a esta falta de planificación eléctrica, Nicolás Vázquez referiuse a unhas recentes declaracións dun representante do Goberno central que “dicían que ningún proxecto quedará sen saír adiante por falta de interconexión eléctrica”. “Nós o que vemos é que caen proxectos todos os días por este motivo”, lamentou, antes de recalcar que os períodos de “seis ou sete anos” para a posta en marcha de proxectos no sector son algo “impensable fóra de Europa”.
O futuro de Europa
“Como Europa non se tome en serio todo e sexa capaz de adoptar solucións é imposible que as nosas empresas compitan no mundo”, advertiu, antes de alertar de que “o que estamos a facer é condenar a Europa á desaparición de industrias”. “Dóeme porque estamos a facer que os nosos fillos e netos perdan oportunidades de traballar en Europa“, rematou, antes de puntualizar que “a enerxía é clave para o desenvolvemento dunha sociedade”.
Sobre este último punto, Vázquez puxo o foco no papel das alegacións. “As normas están feitas de boa fe para que todo o mundo poida participar nos proxectos e presentar alegacións. Pero que se paralicen proxectos que van xerar recursos a centos de familias porque se presentaron 50.000 alegacións con documentos de 3 páxinas pois o que provoca iso é que sexa todo un camiño tortuoso para sacar un proxecto adiante”, exemplificou.
“Hai que facer un exercicio de responsabilidade e pedir aos representantes políticos que apliquen coherencia, traballo e boa fe”, subliñou, antes de recoñecer que entende “que no sector privado estean fartos de todos os gobernos” ao existir “tantísimas normas e reais decretos”. “Eu traballo para non poñer trabas. Como di o presidente Rueda, o importante é non molestar”, concluíu Nicolás Vázquez.