Actualizado
Yago Campos, director de innovación de Hijos de Rivera: “Canto máis se estenda a IA, máis se valorará a artesanía de Estrella Galicia”
Con 15 anos de traxectoria en Hijos de Rivera, Yago Campos explica a aposta da compañía polas bebidas funcionais que poidan axudar á saúde do cliente e defende os programas de innovación aberta, que "hai anos eran impensables na nosa empresa".
Yago Campos, director de Innovación de Hijos de Rivera / EDG
O museo Mega de Estrella Galicia recibe máis de 50.000 visitantes ao ano, pero máis alá da difusión da cultura da cervexa e da historia da compañía, para Yago Campos encerra unha historia persoal. Nese lugar fixo a entrevista para conseguir unha bolsa e comezar a traballar na compañía onde leva agora 15 anos. Tempo despois da súa entrada no departamento de márquetin de Hijos de Rivera, coordinaría o proxecto para crear o museo Mega no mesmo lugar onde tivo o seu primeiro contacto coa dirección do grupo. Nese lugar comezou unha xa dilatada traxectoria na que tamén participou na creación do departamento de I+D, crecendo coa compañía ata converterse no director de Innovación. En honra a ese cargo participou no I Gran Foro de Innovación e Emprendemento organizado por APD e a Xunta, onde defendeu os procesos de innovación aberta, incluíndo a colaboración con grandes empresas.
– Dicían de vostede que é un exemplo vivo de crecemento dentro do grupo?
Este é o meu décimo quinto ano na empresa. Estudei Dirección de Empresas na Universidade de Vigo e un MBA na Escola de Negocios Caixanova, agora a Universidade Intercontinental da Empresa. E cando o estaba finalizando, tiven a ocasión de entrar no primeiro programa de prácticas no departamento de márquetin de Hijos de Rivera. Completei a miña bolsa e logo entrei no departamento de márquetin, onde estiven dous anos traballando. Logo, en 2013, tiven a sorte de participar na creación do departamento de innovación e, pouco a pouco, fun acumulando experiencia e brindáronme oportunidades para crecer e para chegar a ser hoxe director do departamento.
– Pois iso fala ben da capacidade de Hijos de Rivera para aproveitar o talento interno
A verdade é que as oportunidades que tiven foron increíbles. Onde eu fixen a entrevista para o proceso de selección da bolsa, anos despois tiven a oportunidade de coordinar o proxecto do museo, que tomaba esa sala antiga de reunións e de entrevistas que tiñamos, e as caldeiras do principal edificio de fabricación, que quedou obsoleto en 2012. É unha boa metáfora que no lugar onde fixen a primeira entrevista, anos despois, puidese participar nun proxecto tan grande como a creación dun museo.
– Acostuma a dicir o CEO de Inditex, Óscar García Maceiras, que a sostibilidade non é posible sen innovación. Que impacto tivo o proceso de descarbonización da economía no departamento de innovación de Hijos de Rivera?
Foi fundamental. Nós non concibimos ningún proxecto de innovación sen que repercuta en dous grandes eixos transversais para a compañía: acreditar o noso ADN de gran artesán, que se traduce en que todos os produtos que lanzamos teñen que ter unhas determinadas materias primas e un determinado proceso de elaboración. Non facemos copias dun produto a outro. Estamos en contra, precisamente, da estandarización cervexeira. E o outro gran pilar é que xere impacto positivo. Un impacto positivo no noso planeta.
– Por exemplo?
Traballamos proxectos con novos materiais sostibles de packaging. Estamos innovando cun piloto dunha botella para Cabreiroá biodegradable e compostable, que sexa coidadoso cos nosos orixes. Potenciamos o cultivo de lúpulo en Galicia. Desenvolvemos cervexas como as de Fábrica de Cervezas, con ingredientes autóctonos, que teñan pedigrí galego, para poñer en valor a cultura ou a gastronomía. E tamén as persoas, axudar á saúde dos consumidores. Xa non só con produtos de calidade e saudables, senón con produtos 2.0, que axuden a mellorar aspectos concretos da saúde dos consumidores. Este ano lanzamos unha auga sen sodio, que é especialmente recomendable para xente con problemas de hipertensión ou problemas de corazón.
– Como innovan vostedes?
Contamos cun proceso dividido en tres fases: observatorio, desenvolvemento e adopción. En observatorio, o equipo de innovación, que a día de hoxe o compoñemos seis persoas, detectamos tendencias, investigacións, oportunidades e levámolas a un foro estratéxico, o comité de innovación, para decidir cales se activan e cales se manteñen en carteira ou se descartan. Coas que se converten en proxectos, facemos unha análise na compañía para ver se somos capaces de desenvolvelo con departamentos internos e provedores máis próximos ao noso modelo de negocio, ou se é necesario ir máis alá. E cada vez é máis necesario ir máis alá. Nese caso, o que creamos son ecosistemas de innovación aberta, con equipos de traballo formados polos departamentos e os partners que nos dean know-how, axilidade e capacidade. Aí entran startups, universidades ou centros tecnolóxicos. Neste aspecto é onde máis medramos nos últimos anos. Pasamos de falar de provedores habituais da industria cervexeira, a falar con empresas ou centros tecnolóxicos que nunca pensaríamos, como por exemplo, traballar coa Universidade de Pensilvania nun proxecto de investigación, ou con empresas como Total Corbion na investigación nunha nova botella.
– Agarde… Como detecta que unha universidade nos Estados Unidos pode axudarlle? Buscan un desenvolvemento concreto e chegan a calquera lugar do mundo para atopalo?
Xorden moitas oportunidades. As colaboracións xorden de detectar tendencias, de ter un equipo de innovación activo precisamente para iso. Esta é unha das súas principais misións. Como dicíamos antes, a innovación ten que ser responsabilidade de toda a organización e a labor core dun equipo de innovación ten que ser buscar as ferramentas e os partners axeitados para axudar a desenvolver esas iniciativas de innovación. Os departamentos da compañía teñen que dar o ADN, a esencia dos proxectos, pero logo ten que haber un equipo de innovación dinámico que busque, que se pregunte ‘Oye, quen é o máis punteiro neste ámbito en Europa ou no mundo?’. A dimensión depende do tipo de proxecto e a ambición que busquemos. A clave é ter ecosistemas, formar parte de hubs, de clústers de innovación, estar en contacto con fondos de investimento, con fondos como Unirisco, que está moi en contacto con universidades. Hai que moverse para estar á vangarda.
– É posible que algún descubrimento, algunha innovación que detecten, cambie a estratexia empresarial ou sempre é a estratexia o que define o que buscades?
Pode pasar, pero ambas deben ir da man en todo momento. A estratexia debe ser a que poña o faro cara a onde queres innovar. Sen unha estratexia corporativa e de innovación, non se pode innovar. Sería crear cousas bonitas, pero sen un sentido práctico nin aplicación no mercado. Pero si que é posible que haxa descubrimentos que poidan supoñer que a compañía dedique máis recursos a unha determinada área de desenvolvemento que a outra. Como mencionaba antes, un dos desenvolvementos nos que máis cremos é nos produtos funcionais. E é unha das grandes ambicións do noso conselleiro delegado (Ignacio Rivera), que desenvolvamos produtos que axuden á saúde dos consumidores. Un dos seus grandes soños é que a túa muller ou parella te recorde que tomes a cervexa ao chegar a casa porque te axuda a mellorar certo aspecto da túa saúde.
– Tamén lle escoitei a Ignacio Rivera hai uns anos comentar que as empresas galegas innovan, pero son reticentes a facelo de maneira aberta. E pedía precisamente iso, que fosen máis abertas a traballar colaborativamente e a dar a coñecer os seus avances. Iso cambiou?
Si, creo que si. A esencia da identidade de cada pobo tradúcese tamén nas súas empresas. E, a mellor, nas empresas galegas, e nunha empresa como a nosa, 100% familiar, 100% galega, pódese seguir notando que somos, quizais, máis prudentes, máis cautos, á hora da innovación. Con todo, cos recursos e a ambición que temos non te podes poñer barreiras. Agora estamos colaborando en máis iniciativas. Hai anos era impensable que creásemos programas de innovación aberta. Pois creamos xa dous nos que colaboramos con universitarios para que nos plantexen ideas, e logo as integramos no noso modelo de innovación, valorando a súa incorporación aos equipos. Tamén temos un programa con startups, que veñen a A Coruña, ensinámoslles todas as nosas instalacións, reúnense con responsables de loxística ou de comercial para que coñezan a empresa… Todo isto, hai anos, non se facía.
– E con grandes empresas?
Pois igual. A isto axudáronnos moito os clústers. Formamos parte do clúster alimentario, tamén de Bioga, o clúster de biotecnoloxía. Iso fixo que tivésemos máis amplitude de miras e ver a empresas, a grandes corporates, de igual a igual, no sentido de que, ao final, un beneficio para innovación pode ser compartido e hai sinerxías que te axudan a crecer.
– Con cales colaboraron?
Por exemplo, a que mencionei antes, Total Corbion, que é unha multinacional moi potente no ámbito da enerxía e nos elixiu para desenvolver un proxecto de packaging sostible. Estamos traballando con Grupo Empresarial El Almendro en facer unha cervexa de maneira colaborativa, na que eles farán un turrón a partir da nosa cervexa. É un reto colaborativo que xa lanzamos o ano pasado e esta vai ser a segunda edición. Agora estamos estudando moitas colaboracións con empresas galegas porque segue sendo a nosa prioridade, axudar ao tecido empresarial galego, que é axudar ao noso lugar de orixe.
– Van vostedes a substituír aos traballadores por intelixencias artificiais?
Fixemos varios estudos, non só de tendencias, que xa sabemos por onde van, senón tamén algún introspectivo, unha reflexión de directiva para ver canto de ameaza ou oportunidade vemos na IA. Considerámolo unha oportunidade. Cremos que canta máis intelixencia artificial e máis valores dixitais se transmitan, máis se poñerá en valor a artesanía e a tradición dos produtos. E aí temos unha gran vantaxe competitiva con todos os nosos produtos e as nosas credenciais de artesáns. E seguiremos insistindo niso. Seguiremos facendo cervexas con ingredientes autóctonos, complicándonos a vida para facer esa cervexa con pementos de Padrón e con polbo. Evidentemente, tamén queremos abrazar as novas tecnoloxías. Toda a IA está aplicada na rede corporativa empresarial para facilitar a vida dos nosos traballadores. Desde a área que dirixo podo mencionar un proxecto piloto, que desenvolvemos con cálculo computacional e ferramentas de intelixencia artificial, para o estudo de péptidos funcionais en cereais, que logo nos permitirán valorar ingredientes para desenvolver bebidas funcionais. Se tivésemos que facer o estudo deses péptidos humanamente tardaríamos anos e anos. Aínda así, imos tardar anos, pero moitos menos e dunha forma máis asistida e controlada.