As eléctricas da conca do Miño-Sil sacan case 40 millóns en devolucións polo canon aos encoros.
As compañías, que xa recibiran devolucións millonarias en anos anteriores pola anulación xudicial da retroactividade do canon hidráulico, reclamaron ao organismo dependente do Estado ao entender que se lles cobrara un imposto un ano antes da súa entrada en vigor.

Iberdrola inicia pruebas para la mejora de la central de acumulación por bombeo llamada Santiago Sil-Xares, en el término municipal de Vilamartín de Valdeorras (Ourense). En la imagen, el embalse de Santa Eulalia
Novo capítulo de litixios xudiciais entre as compañías enerxéticas e as confederacións hidrográficas polos impostos relacionados cos aproveitamentos hidroeléctricos. Neste caso, o organismo que xestiona a conca do Miño-Sil acordou a finais do ano pasado a devolución de case 40 millóns de euros polo chamado canon pola utilización de augas continentais, correspondendo a metade do importe a reintegrar á entidade e sendo o outro 50% con cargo ao Tesouro Público.
Para entender os motivos desta devolución hai que retroceder ao exercicio 2021. Entón, o Executivo central reservou algo máis de 1.900 millóns de euros para reintegrar ás grandes eléctricas o que pagaran do canon hidráulico unha vez que o Tribunal Supremo anulou a aplicación do gravame con carácter retroactivo nos exercicios 2013 e 2014. O Alto Tribunal tamén indicou que era necesario devolver a recadación por este concepto acumulada entre os anos 2015 e 2020 naqueles casos nos que non se realizara a previa revisión da concesión administrativa para o uso da auga con fins hidroeléctricos.
Só durante o exercicio 2021 tramitáronse devolucións a eléctricas con explotacións nesta conca de liquidacións que ascenderon á astronómica cifra de 417 millóns. Nos documentos públicos do ente adscrito ao Ministerio para a Transición Ecolóxica non se detallaba quen foron as compañías beneficiadas polas millonarias devolucións, aínda que tendo en conta o seu negocio hidráulico na comunidade galega, Iberdrola e Naturgy terían sido as que captaron maiores ingresos vía reintegro de impostos.
Con todo, as loitas relacionadas co tributo non acabaron nesa devolución millonaria. Á vista das sentenzas do Supremo, o Goberno optou en 2022 por reformar o réxime dese tributo, emendando a normativa aprobada no seu día polo Executivo de Mariano Rajoy. Pero tamén esta modificación derivou en novas reclamacións das eléctricas.
Recadación de 2023
Na súa memoria correspondente ao exercicio 2023, os administradores da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil indicaban que ese exercicio recadáronse pouco máis de 36 millóns de euros polo canon, o 50% ingresos do organismo e o outro 50% ingresos que foron a parar ao Tesoro Público. Non obstante, o ente público recibiu “diversas solicitudes de devolución de ingresos indebidos, por considerar os contribuíntes que, tendo entrado en vigor a reforma do canon no mes de abril de 2022, non é esixible ata o exercicio 2023, de acordo co artigo 10 da Lei Xeral Tributaria”.
Indicaba xa nese exercicio o organismo de conca que as reclamacións foron elevadas á Dirección Xeral de Auga, á espera de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica adoptase un criterio común –xa que as outras confederacións hidrográficas recibiron demandas similares–.
Avisaban que “de prosperar as reclamacións interpuestas, debería procederse á devolución íntegra do ingresado por este canon no ano 2023, cos correspondentes intereses”. Unha cantidade que ascendía a 38,5 millóns de euros, dos cales 2,44 millóns serían en concepto de intereses calculados ata o fin do exercicio 2024. A Confederación do Miño-Sil devolvería uns 19 millóns con cargo ao presuposto da entidade, sendo a outra metade a reintegrar con cargo ao Tesouro.
Reclamacións aceptadas
As reclamacións, efectivamente, prosperaron durante o pasado exercicio, segundo a última memoria da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil consultada por Economía Dixital Galicia. No citado documento indícase que mediante unha resolución do presidente do organismo, José Antonio Quiroga, datada o 21 de novembro do ano pasado, “acordouse a devolución” deses 38,4 millóns de euros, aplicándose a tal efecto unha cantidade xa provisionada por ese concepto nas contas de 2023.
Por outro lado, o organismo de conca dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica indica que finalizou o exercicio 2024 con un resultado neto de 30,3 millóns, fronte “ao resultado axustado” do ano anterior, que tras as modificacións derivadas da devolución anotouse un negativo de 9,6 millóns.
Indican os administradores do organismo que “esta notable variación débese principalmente á recadación do canon por utilización das augas continentais para a produción eléctrica”.